Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

ESTE DOMINGO 2 DE FEBREIRO, ÁS 18.00 HORAS

Triatreros estrea no Salón Teatro a súa versión de 'Matanza', de Roberto Salgueiro

[31/01/2014] O Salón Teatro, espazo escénico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en Santiago de Compostela, ofrece este domingo 2 de febreiro ás 18.00 horas a estrea da traxicomedia ‘Matanza’, versión do texto de Roberto Salgueiro producida pola compañía galega Triatreros.

Matanza

Beatriz Campos dirixe a adaptación desta obra, que se presenta como "unha comedia visceral apousentada nun drama existencialista" e sustentada no esixente traballo actoral que desenvolven Tone Martínez, Omar Ferrín e Celia González. Humor negro e acedo, intriga e humor son os principais ingredientes desta peza de corte contemporáneo, para a que se toma como referencia a idiosincrasia galega, o seu humor e o seu xeito de entender o mundo.

Lau Iturralde asina a escenografía, iluminación e vestiario de ‘Matanza’, montaxe que nos presenta dous porcos momentos antes de pasar polas mans do Matachín. En principio, nada excepcional xa que -como di o refraneiro popular- a cada porco lle chega o seu San Martiño, pero a diferenza neste caso é que os porcos falan, pensan e senten como calquera de nós, de xeito que coñecemos de primeira man que pasa pola súa cabeza antes de seren sacrificados para alimentar á súa comunidade.

Venda de entradas
As entradas para asistir a estrea deste domingo, día do espectador no Salón Teatro, poden adquirirse a un prezo especial de 5 euros na billeteira do Teatro Principal de Santiago ata o sábado en horario de 18.00 a 21.00 e na do Salón Teatro o mesmo día da función desde as 16.00 horas.

Triatreros é unha compañía de recente creación que se está a especializar en levar a escena textos en galego de autores contemporáneos vivos, aos que poder aproximarse fisicamente para compartir con eles a idea orixinal da obra e o proceso de traballo que se desenvolve a partir dela. O seu primeiro espectáculo foi o café-teatro con mestura de improvisación ‘Improperio’ ao que seguiu ‘Hámster’, a primeira obra de sala.

Ligazóns