[28/01/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove neste primeiro semestre de 2014 as xiras galegas da Escola da Noite de Coimbra e do Centro Dramático de Évora, coas que se completa a edición inaugural de Troco x Troco, primeiro circuíto organizado de intercambio teatral con Portugal. Un total de catro espazos galegos e catro portugueses, así como outras tantas compañías escénicas de ambos os países, participan nesta iniciativa impulsada conxuntamente por Cultura e Educación, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e a asociación portuguesa Cena Lusófona.
Na recta final da programación, que botou a andar o pasado mes de outubro, a Escola da Noite de Coimbra visitará Galicia en febreiro para representar ‘Novas diretrizes em tempos de paz’, de Bosco Brasil, nos escenarios galegos asociados ao circuíto: Salón Teatro de Santiago de Compostela (13 de febreiro), Teatro Municipal de Tui (14 de febreiro), Pazo da Cultura de Narón (15 de febreiro) e Teatro Principal de Ourense (16 de febreiro).
Ata maio
Pola súa banda, na segunda quincena de maio estes mesmos escenarios recibirán o Centro Dramático de Évora co seu novo espectáculo, ‘Autos da Revolução’, que está a ultimar en coprodución coa Companhia de Teatro do Algarve a partir dos fragmentos de cinco novelas do afamado escritor portugués António Lobo Antunes.
Rematará así a primeira edición de Troco x Troco, no marco da que se terá ofrecido un total de 32 representacións a ambas beiras do Miño. Durante a primeira quenda de funcións, desenvolvida en outubro e novembro de 2013, as últimas propostas das compañías galegas Sarabela Teatro, Teatro de Atlántico, Teatro do Morcego e Teatro do Noroeste (en coprodución co Centro Dramático Galego) puideron verse no Theatro Circo de Braga, Teatro da Cerca de São Bernardo en Coimbra, Teatro Garcia de Resende de Évora e Teatro do Campo Alegre do Porto. Ao tempo, a Companhia de Teatro de Braga e Seiva Trupe do Porto percorreron tamén as localidades galegas do circuíto.
Entidades colaboradoras
Este proxecto de intercambio comezou a deseñarse a principios de 2013 e, xa desde a súa orixe, contou cunha participación moi activa das entidades de ámbito autonómico, provincial e municipal que xestionan os teatros asociados: Padroado da Cultura do Concello de Narón, Centro Dramático Galego, Deputación Provincial de Ourense e Concello de Tui, da banda galega; e os concellos de Braga, Coimbra, Évora e Porto, da portuguesa.
Troco x Troco nace coa vocación de se consolidar nas sucesivas temporadas a modo de ciclo cultural de Galicia en Portugal, e viceversa, a través de diferentes propostas multidisciplinares que complementen a exhibición dos espectáculos. O seu obxectivo é recuperar e normalizar as relacións entre as escenas galega e portuguesa, de xeito que o diálogo teatral traspase o ámbito exclusivamente profesional e implique tamén os espectadores.