[21/01/2014] O Salón Teatro, espazo escénico dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, programa esta semana catro funcións do espectáculo musical ‘Bye, Bye, Honey’ que, a cargo da compañía galega Obras Públicas, ocupará o escenario compostelán do xoves 23 ao domingo 26 de xaneiro. Dirixida por Xosé Prieto e interpretada por Iolanda Muíños, César Goldi e Carlos Mosquera, ‘Bye, Bye, Honey’ conta a historia de Marta, unha rapaza de barrio que decide deixar á súa casa e á súa familia para emprender un camiño incerto e perigoso, rodeada por todas partes de "lumpen, pachanga e rock’n roll".
Os seus artífices refírense a esta nova proposta de Obras Públicas como un espectáculo de teatro musical "de clase baixa", ao que cualifican de "duro, ácido e descarnado, como o lugar onde está ambientado e como a vida dos personaxes dos que fala". Na montaxe teñen cabida tamén o humor, o amor, as cancións e a música moi variada (desde rancheiras a heavy metal, pasando por blues, gospel...) interpretada en directo por Ramón Orencio, Fran Facal e Chechu Mosquera.
Choque de forzas
‘Bye, Bye, Honey’ utiliza unha linguaxe directa e contundente; e sitúase nun barrio urbano marxinal da periferia dunha cidade galega no que chocan diariamente dúas forzas opostas: a falta de expectativas de futuro e o espírito de supervivencia. Nese choque de forzas atópase a acción desenvolvida pola protagonista, que avanza na delgada liña que separa os que caen dos que conseguen saír adiante.
As representacións, que terán lugar xoves 23, venres 24 e sábado 25 ás 20.30 horas e domingo 26 ás 18.00 horas, forman parte da programación para a difusión de teatro galego levada a cabo conxuntamente entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Concello de Santiago. Ademais do Salón Teatro, súmanse a esta iniciativa outros espazos escénicos de titularidade municipal (Teatro Principal, Zona ‘C’, Sala Agustín Magán...) cun calendario de actividade continuado ao longo do ano, nos que a escena galega é protagonista e a través dos que se oferta unha bonificación para a compra agrupada de 5 entradas a un prezo total de 35 euros.
As localidades para asistir a ‘Bye, Bye, Honey’ poden adquirirse xa na billeteira do Teatro Principal, en horario de 18.00 a 21.00 horas, por internet na páxina www.entradas.novagaliciabanco.es ou por teléfono no 902 434 443. Os días das funcións tamén estarán á venda na billeteira do Salón Teatro, que abrirá ao público a partir das 18.30 horas. O prezo dos billetes soltos é de 10 euros, con descontos do 50 por cento para o domingo, día do espectador, e do 40 por cento para estudantes, titulares do carné xove, persoas xubiladas ou desempregadas e determinados colectivos profesionais.