Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

EN ‘O QUE VAI NA CABEÇA DO MENINO MANUEL’, UN ACTOR E UN MÚSICO RECREAN O UNIVERSO ONÍRICO CREADO POR MANUEL ANTÓNIO PINA

O Salón Teatro recibe este sábado a compañía portuguesa Teatro Bruto cun espectáculo musical para público familiar

[16/01/2014] O Salón Teatro, espazo escénico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en Santiago de Compostela, programa este sábado 18 de xaneiro, ás 18.30 horas, o espectáculo musical ‘O que vai na cabeça do menino Manuel’. Esta proposta da compañía portuguesa Teatro Bruto está pensada para o público familiar e infantil, recomendándose a partir dos catro anos de idade.

‘O que vai na cabeça do meniño Manuel

A montaxe, que chega a Galicia en colaboración co Concello de Santiago, recrea un mundo onírico de palabras e números a partir de textos do escritor portugués Manuel António Pina, recentemente falecido e moi recoñecido no seu país polo conxunto da súa obra e, en especial, pola súa achega á literatura infantil e xuvenil. A responsable artística de Teatro Bruto, Ana Luena, dirixe esta produción da compañía do Porto.

En ‘O que vai na cabeça do menino Manuel’, un actor (Pedro Mendoça) e un músico (Rui Lima) teñen a misión de presentar un recital de poesía, pero no proceso acaban mergullados nun universo infantil de brincadeira aprendizaxe. Así, inventan códigos, personaxes e xogos, ao tempo que os poemas se liberan da cabeza do neno Manuel.

Venda de entradas
As entradas para esta función están xa á venda a un prezo especial de 5 euros, cun desconto para familias que ofrece a posibilidade de adquirir catro billetes ao prezo de tres (15 euros). Poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (Rúa Nova, 21) en horario de 18.00 a 21.00 horas e o mesmo sábado a partir das 17.00 horas.

A programación desta semana no Salón Teatro pecharase o domingo 19, ás 20.00 horas, co concerto no que o estadounidense Cass McCombs presentará ‘Big Wheel and Others’, o sétimo álbum na súa imparable traxectoria e que de novo edita Domino Records, fogar de grupos coma Franz Ferdinand ou Arctic Monkeys. A súa actuación en Compostela insírese no ciclo Íntimo e Acústico, que promove o Concello de Santiago.