[15/01/2014] O Centro Coreográfico Galego (CCG), unidade de produción de danza da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e a Orquestra Sinfónica de Galicia estrean os días 21 e 22 de febreiro no Pazo da Ópera da Coruña ‘A bela adormecida’, ballet en dous actos con música de Tchaikovski e coreografía de Petipa. Estas funcións virán precedidas de sesións didácticas concertadas con diferentes centros escolares, que terán lugar do 12 ao 14 de febreiro.
A directora do Centro Coreográfico e do espectáculo, Mercedes Suárez, está a coordinar, así mesmo, os ensaios tanto cos 12 profesionais que integran o corpo de baile da compañía pública como cos alumnos dos centros de danza da comarca que participarán nestas primeiras representacións do espectáculo. Neste sentido, seguirase unha fórmula de colaboración didáctica con escolas e conservatorios de toda Galicia similar á empregada para o ‘Quebranoces’, a anterior produción do CCG, de xeito que para estas funcións contarase con estudantes das escolas Danzade, Carmen e Druída da Coruña, Cinderella de Arteixo e as municipais de Oleiros e Ponteceso, xunto cos conservatorios profesionais de Lugo e da Deputación da Coruña.
Nova colaboración
Como sucedera tamén no caso do ‘Quebranoces’, a Orquestra Sinfónica de Galicia implícase nesta nova proposta do Centro Coreográfico, que concentra en dous actos a historia da princesa Aurora, o clásico conto infantil escrito polo francés Charles Perrault e estreado orixinalmente como ballet en 1890 con coreografía de Petipa, Libreto de Vsevolojski e música de Tchaikovski.
Jonathan Webb será o encargado de dirixir a Sinfónica nestas funcións de estrea, inseridas á súa vez no ciclo ‘Concerto en familia’ do Pazo da Ópera e para as que xa está aberta a venta anticipada de entradas a través da billeteira electrónica da web entradas.novagaliciabanco.es.
Na imaxe, un dos ensaios na sede do Centro Coreográfico Galego. Fotografía: Manuel Lemos