Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O CONCERTO TERÁ LUGAR ESTE VENRES DÍA 10 DE XANEIRO, ÁS 20.30 H

O sexteto Tempo Catro presenta en directo no Salón Teatro o disco no que pon música a Rosalía

[08/01/2014] O Salón Teatro da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acolle este venres 10 de xaneiro, ás 20.30 horas, un concerto no que o sexteto Tempo Catro presentará en directo os temas incluídos en ‘Os ollos que falan. Rosalía de Castro’, traballo discográfico no que pon música a once poemas de ‘Cantares gallegos’.

cartaz os ollos que falan

Cultura e Educación colabora a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) na celebración deste recital, que a Agrupación Cultural O Galo organiza xunto coa Asociación Cultural e Musical Solfa e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega. Con este concerto especial, O Galo clausura ademais o amplo programa de actividades que desenvolveu durante todo o ano pasado para conmemorar o 150 aniversario da publicación de ‘Cantares gallegos’ a través de roteiros, conferencias, exposicións e espectáculos escénicos e musicais.

Xira de presentación
Integran Tempo Catro os profesores do Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño de Ferrol Suso Iglesias (acordeón), Andrés Pazos (piano), Antonio Romero (contrabaixo) e Pablo Salgueiro (percusión), o profesor do Conservatorio Profesional da Coruña Javier Cedrón (violín) e a cantante Begoña Lorenzo, que se incorporou á formación para poñer voz a Rosalía tanto neste traballo discográfico como na xira galega que están a desenvolver para presentalo.

Suso Iglesias e Andrés Pazos son, ademais, os autores da música dos once temas de ‘Os ollos que falan’, no que os poemas de ‘Cantares gallegos’ soan a ritmo de valse, fado, salsa, mazurca, xota ou pasodobre, entre outros estilos. A Asociación Socio-Pedagóxica Galega produciu este disco, a través do que se busca reflectir a actualidade das temáticas e xeitos de contar da gran poetisa galega.

As entradas para asistir a este concerto poden adquirirse de xeito anticipado, a un prezo de 10 euros, en oito locais hostaleiros e comerciais de Santiago de Compostela: restaurantes O Dezaseis, Bicoca e Grândola, cafés O Barranquillo e Airas Nunes, libraría Pedreira, Espazo Enocultural Vide, Vide! e na sede da Agrupación Cultural O Galo. Tamén estarán á venda no despacho de billetes do Salón Teatro o mesmo venres 10, a partir das 18.30 horas, a un prezo de 12 euros.

Ligazóns