Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O ESCENARIO COMPOSTELÁN OFRECEU NOS ÚLTIMOS DOCE MESES 134 REPRESENTACIÓNS TEATRAIS, 121 PROXECCIÓNS AUDIOVISUAIS E 8 CONCERTOS

O Salón Teatro despide 2013 cun concerto de blues a cargo de Adrián Costa e despois de ter realizado 263 funcións ao longo do ano

[28/12/2013] O Salón Teatro de Santiago, espazo escénico dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, despide mañá día 29 a programación de 2013 cun concerto de blues a a cargo de Adrián Costa e despois de ter desenvolvido ao longo de todo o ano un total de 263 actividades abertas ao público, entre funcións escénicas, concertos e proxeccións audiovisuais.

O Salón Teatro coa iluminación de Nadal

O bluesman compostelán, cantante e guitarrista de Los Reyes del K.O, ofrecerá a partir das 20:30 horas unha actuación en solitario, na que estará acompañado polo seu ‘maquineto’, un vello sampler que lle permite repetir as gravacións que se fai a se mesmo para animar a xente ao baile. No recital, que se enmarca no ciclo ‘Blues Nite Nadal’ que organiza o Concello de Santiago, Adrián Costa presentará todas as influencias musicais adquiridas nos últimos tres anos de residencia en California.

Esta actuación porá o punto final ao calendario de actividade no Salón Teatro no presente ano, durante o que o escenario xestionado polo Centro Dramático Galego (CDG) acolleu unha intensa actividade artística ao longo de 163 días de apertura ao público e outras 60 xornadas de traballo técnico en ensaios ou labores de montaxe e desmontaxe de espectáculos.

Os eventos realizados no Salón Teatro combinaron teatro, danza e cinema. Ademais dunha presenza destacada das producións e coproducións do CDG dedicadas a Roberto Vidal Bolaño (‘Días sen gloria’, ‘Touporroutou da lúa e do sol’, ‘Criaturas’ e ‘BailadElas’) no ano que se lle dedicou o Día das Letras, presentáronse as últimas propostas escénicas doutras compañías profesionais galegas e cedéronse as dependencias para que tamén amosaran os seus traballos colectivos culturais de base, universitarios e mesmo entidades benéficas.

Así, nunha clasificación por xéneros, no conxunto de actividades leváronse a cabo 134 funcións escénicas (103 correspondentes a compañías profesionais), 121 proxeccións audiovisuais e 8 concertos musicais ao longo de dous períodos de programación: de xaneiro a xullo e de outubro a decembro de 2013.

Documentación