Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

SERÁN OS DÍAS 19, 20 E 21 ÁS 20:30 HORAS

O CDG pecha con tres funcións das 'BailadELAS' de Teatro Antroido no Salón Teatro o ano dedicado a Roberto Vidal Bolaño

[17/12/2013] O espectáculo ‘BailadELAS. Mulleres bolañesas’ ofrecerá tres funcións do 19 ao 21 de decembro no Salón Teatro de Santiago, coas que se pechará programación levada a cabo durante todo 2013 pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través do Centro Dramático Galego (CDG) en homenaxe ao dramaturgo Roberto Vidal Bolaño no ano que lle se dedicou o Día das Letras.

Laura Ponte en escena

A estrea desta montaxe o pasado mes de maio supuxera ademais a reaparición de Teatro Antroido, a compañía coa que Vidal Bolaño iniciara hai 35 anos o proceso de profesionalización teatral en Galicia. A volta aos escenarios materializouse nesta proposta escénica coproducida polo CDG e protagonizada pola actriz Laura Ponte, codirectora xunto a el da formación orixinal, e de Roi Vidal, o fillo de ambos.

Baixo a dirección escénica de Xavier Estévez, Ponte asume a interpretación en solitario de ‘BailadELAS’, escrita por Roi Vidal a partir das personaxes femininas de cinco obras representativas da creación teatral de Vidal Bolaño: ‘Laudamuco, señor de ningures’, ‘Saxo tenor’, ‘Rastros’, ‘Criaturas’ e ‘Bailadela da morte ditosa’, peza esta última á que se refire o xogo de palabras que establece o título do espectáculo.

O director do CDG, Manuel Guede Oliva, presentou hoxe estas funcións en Compostela nun acto no que tamén participaron Laura Ponte, Xavier Estévez e Roi Vidal; e no que se explicaron as claves do espectáculo e se deu conta da súa exitosa traxectoria por distintas localidades galegas nos últimos meses.

Monólogos femininos
A montaxe debulla as liñas mestras que caracterizan as mulleres creadas polo autor compostelán e demostra, neste sentido, ata que punto a muller atopa no conxunto da súa produción dramática un papel en sintonía coa exaltación da dignidade e coa loita pola liberdade como temáticas recorrentes do universo de Vidal Bolaño.

O espectáculo articúlase arredor de diferentes monólogos, presentados e ensamblados entre si por unha personaxe central -inspirada en ‘Sen ir máis lonxe’, outro dos textos do dramaturgo- a través da conversa sobre o ben e o mal, o xusto e o inxusto, que mantén cun interlocutor mudo. Tamén o resto das mulleres desta montaxe achéganlle ao espectador un gran abano de liñas argumentais moi presentes na obra de Vidal Bolaño: o poder liberador da revolución diante do servilismo, a xente sen esperanza, a afouteza e a incredulidade ante metas utópicas, o amor e o desamor, a soidade non elixida ou a crítica retranqueira, entre outras.

Ano bolañano
A posta en escena de ‘BailadELAS. Mulleres bolañesas’ formou parte da programación especial que a Consellería de Cultura e Educación desenvolveu durante este ano arredor da figura e da obra do dramaturgo compostelán, quen protagonizou o Día das Letras Galegas 2013 e ao que o CDG dedicou en exclusiva o seu plan de actividades de 2013.

O espectáculo chega ao Salón Teatro despois de sete meses de representacións por toda Galicia. Os escenarios de Rianxo, Narón, Ponteareas, Ourense, Santiago, Vilagarcía, Brión, Betanzos, Lalín ou Redondela son algúns dos que acolleron esta proposta en funcións tanto para público escolar como xeral. Teatro Antroido actuará aínda este ano en Muros e seguirá a representar BailadELAS durante 2014.

Para o CDG, esta será a última actividade do ano dedicada á difusión da figura e da obra de Vidal Bolaño como eixo determinante da súa programación de 2013, na que produciu ‘Días sen gloria’ baixo a dirección de Fefa Noia, coproduciu tamén ‘Criaturas’ con Teatro do Aquí e ‘Touporroutou da lúa do sol’ con Teatro do Noroeste; e colaborou cos traballos escénicos ‘A burla do galo’, ‘Animaliños’ e ‘RVB 2013’, realizados polas aulas de teatro dos campus universitarios galegos, ademais de promover outras accións de divulgación como o ciclo Vidal Bolaño Recuperado ou o Premio Roberto Vidal Bolaño ao Espectador.

As funcións do 19, 20 e 21 de decembro serán ás 20:30 horas. As localidades poderán mercarse tanto na billeteira do Salón Teatro como na do Teatro Principal de Santiago.