Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A MONTAXE ESTÁ DIRIXIDA POR ROBERTO SALGUEIRO E INTERPRETADA POR MARCOS MONTIEL, ALBA LÓPEZ, CARLOS HERMIDA, ALDARA CIDRÁS E MIGUEL GENDRE

O Salón Teatro acolle mañá a estrea de 'Apnea. (Variación 2ª)', a cargo da Aula de Teatro da Universidade de Santiago

[16/12/2013] O Salón Teatro da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acolle mañá martes 17 ás 21:00 horas a estrea de ‘Apnea. (Variación 2ª)’, a última montaxe escénica da Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que dirixe Roberto Salgueiro.

Imaxe promocional do espectáculo

O escenario sede do Centro Dramático Galego insire esta estrea na súa programación aberta a outros colectivos escénicos, e que entra así na recta final do ano con novas propostas, entre as que figuran para os vindeiros días os espectáculos ‘BailadElas’ (do 19 ao 21 de decembro) a cargo de Teatro Antroido, a montaxe infantil ‘O príncipe e o parrulo’ (27 e 28 de decembro) pola compañía Eme2, ou o concerto de blues de Adrián Costa, que terá lugar o vindeiro día 29.

Actividade da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua da USC, en ‘Apnea. (Variación 2ª)’, Roberto Salgueiro dirixe e asina a que pode considerarse continuación dun traballo que xa asumira en 2003 e fora cualificado daquela como un "libreto coreográfico" cunha compoñente moi lírica e como unha obra "chea de emocións éticas e estéticas".

Os cinco personaxes do reparto son interpretados por Marcos Montiel (Home con paraugas), Alba López (Muller que xira), Carlos Hermida (Pai), Aldara Cidrás (Muller da Pont Neuf) e Miguel Gendre (Home que saltaría a corda). Ademais da dirección, Salgueiro é autor do texto, o espazo escénico, a iluminación e os figurinos, en tanto que os arranxos de vestiario son obra de Clotilde Vaello.

A entrada para asistir á estrea é libre, previa retirada de localidades polo despacho de billetes do Salón Teatro, que estará aberto desde as 19.00 horas. Só poderán retirarse dúas localidades por persoa.

Documentación