Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

TEATRO DO AQUÍ CELEBRA A FIN DE XIRA DESTE ESPECTÁCULO, REALIZADO EN COPRODUCIÓN CO CDG, DESDE MAÑÁ XOVES 12 ATA O DOMINGO 15

As 'Criaturas' de Roberto Vidal Bolaño despídense do público con catro funcións no Salón Teatro

[11/12/2013] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa esta semana no Salón Teatro de Santiago as catro últimas funcións de ‘Criaturas’, obra de Roberto Vidal Bolaño que regresou este ano aos escenarios da man de Teatro do Aquí e en coprodución co Centro Dramático Galego. A compañía na que o autor ao que se lle dedicou este ano o Día das Letras desenvolveu a última parte da súa traxectoria profesional finaliza en Santiago o percorrido deste espectáculo, co que durante os últimos oito meses homenaxeou por toda Galicia ao seu fundador e director.

Presentación de Criaturas

Esta fin de xira foi presentada hoxe por Manuel Guede Oliva, director do CDG-Salón Teatro; Belén Quintáns, viúva de Vidal Bolaño e titular de Teatro do Aquí; e Marcos Orsi e Vicente de Souza, en representación do elenco. A montaxe, que se exhibe en Santiago desde mañá e ata o vindeiro día 15 con funcións ás 20.30 horas o xoves, venres e sábado e ás 18.00 horas o domingo, insírese á súa vez na programación promovida pola Consellería de Cultura e Educación para a divulgación e difusión da figura e da obra do dramaturgo compostelán.

Equipo artístico
Evaristo Calvo foi o encargado de dirixir esta reposición de ‘Criaturas’, obra que Teatro do Aquí xa representara en 1999 con grande éxito e ás ordes de Vidal Bolaño. Xunto con Marcos Orsi e Vicente de Souza, cóntase tamén coas interpretacións de Belén Constenla e Xoán Carlos Mejuto, dous dos actores que participaran naquela primeira posta en escena.

En ‘Criaturas’, peza recoñecida co Premio Eixo Atlántico 1999, co Premio María Casares 2000 ao mellor Texto Orixinal e co Premio Max para textos en galego en 2001, Roberto Vidal Bolaño indaga e pon de manifesto o que a razón ou a civilización pode ter producido de monstruoso nas persoas ou no que nas rodea. Así, a través de personaxes anónimos e cotiáns, perfílanse criaturas que veñen suxeridas da observación da propia realidade e como pretexto para poñer ao descuberto trazos insospeitados a partir da súa aparente normalidade.

Vidal Bolaño válese do mito de Frankestein como recurso dramático, cando o monstro, antes de se illar definitivamente da civilización, achégase ao noso presente para observalo por derradeira ocasión, nunha viaxe feita dende o humor, a ironía e o sarcasmo.

O regreso de Teatro do Aquí
Roberto Vidal Bolaño fundou xunto con Belén Quintáns Teatro do Aquí en 1992, compañía coa que puxo en escena a unha destacada parte súa produción dramática e coa que, ata a súa morte en 2002, se dedicou con plenitude non só como dramaturgo, senón tamén como actor e director, iluminador ou escenógrafo.

Desta época son as montaxes ‘Saxo Tenor’ (1993), ‘Días sen gloria’ (1993), ‘A ópera de a patacón’ (1994), ‘Touporroutou da lúa e do sol’ (1994), ‘O desengano do prioiro’ (de Ramón Otero Pedrayo, 1995), ‘Anxeliños’ (1996), ‘Rastros’ (1997), ‘Doentes’ (1998), ‘Sen ir máis lonxe’ (1999), ‘Criaturas’ (1999) e ‘Os papalagui’ (2000), entre outras. En 2002 Teatro do Aquí presenta ‘Animaliños’, o derradeiro traballo dramático de Vidal Bolaño, no que el mesmo achega o texto, a dirección, o espazo escénico e a iluminación.

A pesar da morte do seu fundador, a compañía mantense activa ata 2006 estreando os espectáculos ‘O cabodano’ (de Euloxio R. Ruibal, 2002), ‘Camiño longo’ (de Luís Rei, 2004), ‘Farois vermellos’ (de Martín Descalzo, 2003) e ‘A ópera de a patacón’ (de de Roberto Vidal Bolaño, 2005); e este ano 2013, co gallo da dedicación do Día das Letras a Vidal Bolaño, regresou aos escenarios con esta reposición de ‘Criaturas’.

A exhibición deste espectáculo no Salón Teatro serve, ademais, como homenaxe na recta final da programación bolañana que o Centro Dramático Galego vén desenvolvendo desde primeiros de ano e dentro da que se insire, así mesmo, outra das coproducións centradas este ano na reivindicación do autor: BailadELAS de Teatro Antroido, que poderá verse neste mesmo escenario compostelán do 19 ao 21 de decembro.

Venda de entradas e acción promocional
As entradas para as últimas catro funcións de ‘Criaturas’ poden adquirirse de xeito anticipado no despacho de billetes do Teatro Principal hoxe entre as 18.00 e as 21.00 horas, mentres que os días de representación estarán á venda na billeteira do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. O seu prezo é de 10 euros para o xoves, venres e sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xove e desempregados) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.

Ademais, desde mañá e ata o sábado e pouco despois da apertura do despacho de billetes do Salón Teatro, os actores de ‘Criaturas’ desenvolverán para todos os viandantes desde o balcón deste espazo o seu particular desfile de monstros, durante o que se sortearán ademais varias entradas para función dese día.