[04/12/2013] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presenta do venres 6 ao domingo 8 de decembro no Teatro Colón da Coruña tres funcións extraordinarias do ballet ‘Quebranoces’ do Centro Coreográfico Galego (CCG), para as que contará coa participación en escena dun total de 150 alumnos de 13 escolas de danza de toda Galicia.
A directora do CCG, Mercedes Suárez, encargouse da coordinación e dirección escénica desta produción, a primeira de ballet clásico na traxectoria da unidade de danza da Xunta de Galicia, que regresa á Coruña despois dunha ampla xira que na temporada 2012-2013 congregou máis de 13.500 espectadores nas representacións ofrecidas en oito localidades galegas. Agora volve ter tres novas citas co público coruñés o venres 6 e o sábado 7, ás 20.30 horas, e domingo 8 nunha función para público familiar ás 12.00 horas, inseridas á súa vez no ciclo de Danza Clásica do Teatro Colón.
Xunto con seis bailaríns profesionais do Centro Coreográfico Galego -Ástrid Molinero, Juan M. Hernández, Miguel A. Ponte, Ailen Ramos, Ana Serantes e José Luís Cibreiro- actuarán nestas tres representacións diferentes grupos de estudantes de todas as idades e procedentes de conservatorios e escolas de danza de oito municipios galegos: A Coruña (Conservatorio de Danza da Deputación Provincial e escolas Carmen e Druída), Ames (Escola de Danza Náyade de Bertamiráns), Arteixo (Escola de Danza Cinderella), Culleredo (escola Salbame do Burgo), Lugo (Conservatorio Profesional de Danza), Oleiros (Escola Municipal de Danza), Ponteceso (Escola Municipal de Danza) e Santiago de Compostela (Alfaya Danza, BS Danza, Escola de Danza San Clemente e Lo Danzas).
Colaboracións
Ademais da implicación dos profesores e as familias dos alumnos destes 13 centros de danza, o Centro Coreográfico Galego volve contar coa colaboración do grupo Gadisa para as súas tres novas funcións na Coruña desta famosa obra, un clásico do Nadal nos escenarios de todo o mundo.
Do mesmo xeito que durante a xira realizada na pasada temporada, a posta en escena do ‘Quebranoces’ insírese dentro da liña de colaboración directa que a unidade de produción coreográfica da Consellería de Cultura e Educación mantén coas escolas de danza de toda Galicia. O seu obxectivo prioritario é a creación de novos públicos, así como incentivar a motivación dos estudantes desta disciplina artística mediante a súa implicación directa no desenvolvemento dunha produción coreográfica a nivel profesional.
Así, para a súa adaptación da célebre obra de Tchaikovski e Petipa, o Centro Coreográfico contou tamén coas achegas dun destacado equipo técnico e artístico entre o que se atopan nomes como María Villas, responsable dos deseños de escenografía e vestiario; Martín Camiña, autor dos efectos de maxia; e Roberto Collantes e Isi Seoane na construción dos bonecos, entre outros.
O CCG estreou o seu ‘Quebranoces’ a finais do ano pasado, coincidindo coa celebración do 120º aniversario da estrea en San Petersburgo deste ballet, no que Tchaikovski puxo música á adaptación asinada por Alexandre Dumas a partir do conto ‘O Quebranoces e o rei dos ratos’ de Hoffmann.
Esta versión respecta rigorosamente os canons interpretativos da composición e coreografía orixinais, aínda que o espectador recoñecerá na posta en escena símbolos e trazos do imaxinario popular galego. Así, entre outros elementos, destaca unha escenografía que recrea as galerías brancas da Mariña coruñesa, o vestiario inspirado nas míticas figuras de Sargadelos e a indumentaria do exército de soldados que recorda algúns dos máis famosos personaxes do Entroido ourensán.
Entradas
A venda anticipada de entradas para as tres funcións do ‘Quebranoces’ na Coruña está dispoñible a través da billeteira electrónica de Servinova con prezos que se sitúan entre os 8 e os 11,60 euros, así como a través do resto dos sistemas habituais de venda do Teatro Colón.