Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A MONTAXE PRODUCIDA POR ABRAPALABRA CREACIÓNS ESCÉNICAS REPRESÉNTASE NA SEDE DO CDG ESTE SÁBADO 30 DE NOVEMBRO ÁS 20.30 H E O DOMINGO 1 DE DECEMBRO ÁS 18.00 H

Cándido Pazó celebra no Salón Teatro a función número 100 do espectáculo 'Memoria das memorias dun neno labrego'

[28/11/2013] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa esta fin de semana no Salón Teatro dúas funcións extraordinarias do espectáculo de Cándido Pazó ‘Memoria das memorias dun neno labrego’, que celebra aquí o centenar de representacións desta adaptación teatral da famosa novela de Xosé Neira Vilas. Estas representacións especiais terán lugar o sábado 30 de novembro ás 20.30 horas e o domingo 1 de decembro ás 18.00 h.

Memoria das memorias dun neno labrego

O director do Centro Dramático Galego, Manuel Guede Oliva, acompañou hoxe a Pazó e a Neira Vilas na presentación aos medios desta celebración, que será especialmente emotiva o domingo, día no que se cumpre a función número 100. Trala representación, Xosé Neira Vilas subirá a escena para compartir co público algunhas reflexións respecto ao seu texto e á súa adaptación teatral.

O espectáculo foi estreado neste mesmo escenario compostelán en xaneiro de 2011, coincidindo co 50 aniversario da publicación en Bos Aires de ‘Memorias dun neno labrego’, considerado hoxe un dos libros clave da literatura galega, así como o máis editado, lido e traducido. De feito, o pequeno Balbino que protagoniza esta historia converteuse a partir da segunda metade da década dos setenta en figura coñecida por todos os escolares galegos.

Representacións en seis países
Nestes preto de tres anos de percorrido, este monólogo escénico-narrativo, dirixido e interpretado por Cándido Pazó, foi visto xa en seis países -España, Portugal, Suíza, Uruguai e Brasil- cunha gran acollida por parte do público e un importante recoñecemento da crítica.

Producido por Abrapalabra Creacións Escénicas, ‘Memoria das memorias dun neno labrego’ é un espectáculo emotivo e divertido que combina a experiencia de Cándido Pazó como autor, actor e director teatral coa súa longa e recoñecida traxectoria como contador de historias e monologuista cómico. Así, Pazó realiza a adaptación dramatúrxica, escribe textos complementarios, dirixe e interpreta a peza en solitario.

Carácter híbrido
A montaxe presenta unha compoñente híbrida, o que leva ao seu creador a definila como "teatro contado ou conto teatralizado". Neste sentido, en ‘Memoria das memorias dun neno labrego’ advírtese a plasticidade dunha proposta escénica total, ao tempo que vai ao espectador tan directa como unha sesión de narración oral.

Goza, ademais, dun grande atractivo visual, apoiado por un coidado traballo de videocreación -asinado por Nano Besada Caneda e Rubén Vidal Prol "Zé" que, combinado cunha elaborada iluminación a cargo de Afonso Castro, debuxa unha suxestiva escenografía das emocións. Carlos Alonso é o responsable deste espazo escénico así como do deseño do vestiario. Cada momento e cada situación teñen tamén a súas sonoridades, plasmadas na composición musical escrita especialmente por Manuel Riveiro para a ocasión.

‘Memoria das memorias dun neno labrego’ parte das historias de Balbino contidas no libro de Neira Vilas para falar das sensacións que lle produciron a centos de miles de lectores. Lectores que, pertencentes a varias xeracións, forman parte dunha sociedade que nestes últimos 50 anos foi deixando de ser eminentemente rural para iniciar a travesía cara un universo máis urbano, nunha viaxe chea de interseccións e mestizaxes que axudan a explicar a nosa moderna identidade.

Entradas
As entradas para asistir a estas dúas novas representacións en Santiago están xa á venda a través da billeteira electrónica de Novagalicia Banco e tamén poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada función.

O prezo das localidades é de 10 euros para a representación do sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.