[19/11/2013] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa esta semana no Salón Teatro de Santiago dous novos encontros audiovisuais do programa ‘Vidal Bolaño recuperado’, que na sesión de mañá mércores 20 abordará a montaxe de ‘A burla do galo’ e na do xoves 21, a de ‘Mar revolto’, ambas as dúas realizadas a partir dos textos que o dramaturgo compostelán escribiu ex profeso para o Centro Dramático Galego (CDG).
A primeira das sesións ofreceranos mañá a revisión bolañana da figura do Don Xoán a partir do material audiovisual sobre o espectáculo que o Centro Dramático Galego estreou no ano 2000 baixo a dirección de Xan Cejudo. Para esta peza, Roberto Vidal Bolaño recuperou o personaxe do relato ‘O galo de Portugal’, que se atopa na obra de Álvaro Cunqueiro ‘Merlín e familia’, como inspiración á hora de se achegar ao mito literario do burlador desde unha perspectiva eminentemente galega.
Coloquio co púbico
O profesor Xosé Manuel Fernández Castro, autor do estudo ‘A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño’, encargarase de presentar o encontro e de conducir o coloquio co público arredor da posta en escena de ‘A burla do galo’. Nela, o actor portugués José Martins encabezaba un elenco do que tamén formaban parte recoñecidas figuras da escena galega: Marcos Orsi, Maxo Barjas, Mónica Camaño, Susana Dans, Xúlio Lago, Gonzalo M. Uriarte, Vicente de Souza, Eva Fernández, Camila Bossa e Xulio Abonjo.
José Martins foi, ademais, o director de ‘Mar revolto’, espectáculo que centrará a exposición e o debate que terán lugar na tarde do xoves. A escritora, crítica teatral e profesora da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia Inma López Silva afondará nas principais claves desta montaxe, realizada polo Centro Dramático Galego en coprodución coa Companhia de Teatro de Braga, Teatro do Noroeste de Viana do Castelo, o Festival de Teatro do Eixo Atlántico (Festeixo) e o Festival Internacional de Teatro de Expressão Ibérica (FITEI).
Para escribir ‘Mar revolto’, Vidal Bolaño baseouse nun feito histórico compartido por Galicia e Portugal: o secuestro do buque portugués de pasaxeiros ‘Santa María’ no ano 1961 por un comando integrado por portugueses e españois, a meirande parte deles galegos. O dramaturgo fai un tratamento realista destes feitos, pero sempre desde a perspectiva dun grupo de pasaxeiros galegos e lusos que viaxa na terceira clase do buque.
Tamén galego-portugués foi o elenco que deu vida a estes personaxes, interpretados por Rui Jacques, Antonio Simón, Mónica Camaño, José Paredes, Rui Barbosa, Teresa Mónica e Rui Spranger. O espectáculo foi estreado en marzo de 2001 no Teatro Campo Alegre do Porto para se escenificar despois noutros seis escenarios de ambos os países.
As citas audiovisuais desta programación, da que xa se ofreceu unha primeira entrega o pasado mes de febreiro, continuarán a próxima semana con dúas obras escritas e dirixidas por Roberto Vidal Bolaño para as súas compañías Teatro do Aquí (‘Rastros’, mércores 27) e Teatro Antroido (‘Caprice de dieux’, xoves 28).