Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O CDG RETOMA ESTA SEMANA O PROGRAMA ‘VIDAL BOLAÑO RECUPERADO’ COA ANÁLISE DE ‘AS ACTAS ESCURAS’ O MÉRCORES 13 E ‘XELMÍREZ OU A GLORIA DE COMPOSTELA’ O XOVES 14

A homenaxe a Roberto Vidal Bolaño continúa no Salón Teatro co ciclo audiovisual arredor dos seus espectáculos

[11/11/2013] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria retoma esta semana o ciclo ‘Vidal Bolaño recuperado: citas audiovisuais’, que nos vindeiros mércores e xoves deste mes, ás 19.00 horas, ofrecerá no Salón Teatro de Santiago as últimas seis proxeccións arredor doutros tantos espectáculos escritos e/ou dirixidos polo dramaturgo compostelán. Esta carteleira enmárcase na programación especial que o Centro Dramático Galego (CDG) está a organizar durante todo este ano en homenaxe ao autor ao que se lle dedicou o Día das Letras Galegas 2013.

As actas escuras

A segunda entrega do ciclo insírese, á súa vez, no programa que Cineuropa desenvolve en diferentes salas de Compostela. Volve contar coa participación dos profesores Xosé Manuel Fernández Castro e Inma López Silva para comentar as montaxes de ‘As actas escuras’ (na imaxe), ‘Xelmírez ou a gloria de Compostela’, ‘A burla do galo’, ‘Mar revolto’, ‘Rastros’ e ‘Caprice de dieux’ a partir de diferentes fragmentos das gravacións conservadas pola familia do dramaturgo e polo CDG. As sesións tamén están abertas á participación do público, de xeito que se buscará dotalas dun maior dinamismo a través do debate e as achegas dos espectadores.

Primeiras sesións
As citas deste mes, coas que se dá continuidade á serie de seis proxeccións celebrada en febreiro, darán comezo este mércores 13 con ‘As actas escuras’. Fernández Castro, autor do estudo ‘A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño’, será o encargado de analizar esta produción, que a compañía institucional galega estreou en 2010 baixo a dirección de Xúlio Lago. Xosé Manuel Olveira "Pico" e Ricardo de Barreiro encabezaron o elenco de 14 recoñecidos actores e actrices que interpretou esta trama arredor dunha suposta investigación sobre a orixe dos restos do Apóstolo pola que o seu autor recibiu o Premio Xacobeo de Textos Teatrais en 1992.

Tamén moi extensa foi a nómina de intérpretes -un total de 25- coa que Vidal Bolaño levou a escena ‘Xelmírez ou a gloria de Compostela’, de Daniel Cortezón, na adaptación que asinou e dirixiu para o Centro Dramático Galego. O vindeiro xoves día 14 Inma López Silva, escritora, crítica teatral e profesora da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, afondará nas principais características desta recreación histórica, estreada en 1999 na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela.

Entrada libre
As citas audiovisuais, de entrada libre ata completar a capacidade do Salón Teatro, continuarán con outros catro textos que no seu día subiron ás táboas da man do Centro Dramático -‘A burla do galo’ (mércores 20) e ‘Mar Revolto’ (xoves 21)- e das dúas compañías fundadas e dirixidas por Vidal Bolaño: Teatro do Aquí (‘Rastros’, mércores 27) e Teatro Antroido (‘Caprice de dieux’, xoves 28).

Con estas seis novas sesións, serán un total de 12 os títulos abordados a través deste ciclo co que a compañía pública -para a que o propio Vidal Bolaño desenvolveu traballos como dramaturgo, director, adaptador, deseñador de iluminación, escenógrafo ou actor nunha decena de espectáculos- ofrece unha plataforma para afondar na divulgación da dramaturxia e o oficio escénico da que é unha das figuras claves na historia do teatro profesional galego. Ofrécese, neste sentido, un amplo percorrido pola traxectoria teatral de Roberto Vidal Bolaño nas súas facetas de autor e director, incidindo ao tempo na vixencia do seu legado.