[25/10/2013] O actor protagonista do espectáculo Gil Vicente na horta, João Grosso, e a produtora executiva do Teatro Nacional Dona María II de Lisboa, Carla Ruiz, protagonizaron hoxe un encontro cos alumnos e alumnas de distintos niveis de portugués da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Santiago de Compostela. Ambos os dous achegaron aos estudantes as claves da montaxe que se representa hoxe venres e mañá sábado, ás 21.00 horas, no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Organizada polo Centro Dramático Galego (CDG), esta actividade insírese dentro da colaboración emprendida entre ambas as compañías públicas durante esta temporada escénica 2013-14. Neste caso, trátase de facilitar o achegamento ao teatro luso dos estudantes de lingua portuguesa a través dunha das compañías de referencia do país veciño.
Ademais dunha trintena de alumnos, asistiron a este encontro os profesores de portugués Eduardo Sanches Maragoto, Beatriz Peres Bieites e Joseph Ghanime Lopes, así como o director da EOI, Gonzalo Constenla, e o director do CDG, Manuel Guede Oliva. Ante este auditorio, João Grosso falou sobre o proceso de produción do espectáculo, a evolución lingüística do seu idioma, o papel dos autores de teatro portugueses no ensino, a súa situación actual e a importancia de Gil Vicente na literatura e a escena lusas.
Dentro desta mesma liña de colaboración, os estudantes de portugués da Escola Oficial de Idiomas poderán beneficiarse esta fin de semana dun desconto no prezo da entrada para asistir a Gil Vicente na horta dirixíndose a este departamento da EOI.