Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A SEDE DO CDG ACOLLE ESTA FIN DE SEMANA AS ÚLTIMAS DÚAS FUNCIÓNS DO ESPECTÁCULO PARA PÚBLICO FAMILIAR ‘TOUPORROUTOU DA LÚA E DO SOL’, COPRODUCIDO CON TEATRO DO NOROESTE

O Salón Teatro ofrece unha nova carteleira de teatro, música e cine con máis de 50 xornadas de actividade ata fin de ano

[19/10/2013] O Salón Teatro da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece esta fin de semana as últimas dúas funcións en Santiago do espectáculo para público familiar Touporroutou da lúa e do sol, coproducido por Teatro do Noroeste e o Centro Dramático Galego (CDG) a partir da obra de Roberto Vidal Bolaño, para dar paso a continuación a unha ampla carteleira de teatro, música e audiovisual. Esta nova programación estenderase ata finais do mes de decembro con máis de 50 xornadas de actividades abertas ao público.

Touporroutou da lúa e do sol

Tras a despedida de Touporroutou da lúa e do sol con senllas representacións hoxe sábado e mañá domingo ás 18.00 horas, coas que se completan tres intensas semanas de funcións escolares e familiares, o Salón Teatro desenvolverá unha programación aberta a diferentes disciplinas artísticas. Nela a figura de Vidal Bolaño continuará a ter un gran protagonismo no marco da programación especial coa que a compañía pública está a homenaxear este ano o dramaturgo ao que se lle dedicou o Día das Letras Galegas 2013.

Programación bolañana
Así, o CDG organiza na súa sede a segunda quenda do ciclo audiovisual Vidal Bolaño Recuperado, que no mes de novembro (días 13, 14, 20, 21, 27 e 28) ofrecerá seis novas citas con obras escritas e/ou dirixidas polo autor compostelán. Recuperáronse para esta ocasión as gravacións das postas en escena de As actas escuras, Xelmírez ou a gloria de Compostela, A burla do galo, Mar revolto, Rastros e Caprice de Dieux e contarase coas achegas dos profesores Inma López Silva e Xosé Manuel Fernández como condutores das sesións.

Xa en decembro, chegarán ao Salón Teatro as dúas compañías fundadas por Roberto Vidal Bolaño, Teatro Antroido e Teatro do Aquí, que este ano regresaron aos escenarios con cadanseu espectáculos en homenaxe ao seu director. Neste sentido, Teatro do Aquí recuperou Criaturas, que representará do 12 ao 15 de decembro, mentres que Teatro do Antroido levou a escena BailadELAS, espectáculo escrito por Roi Vidal a partir das personaxes femininas de cinco textos do seu pai, que se poderá ver os días 19, 20 e 21 de decembro.

O teatro profesional galego contará con outros destacados representantes nesta programación, que o 30 de novembro e o 1 de decembro ofrecerá a posta en escena de Memoria das Memorias dun neno labrego, espectáculo de Abrapalabra Producións dirixido e interpretado por Cándido Pazó que celebra aquí a súa representación número cen, e os días 27 e 28 de decembro presenta a montaxe infantil O príncipe e o parrulo, de Eme2 Emoción&Arte. A estas citas súmanse, ademais, as propostas que se exhibirán na sede do CDG a primeiros de novembro como parte de Galicia Escena Pro, a mostra de artes escénicas que organiza a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Teatro portugués
O impulso das relacións coa escena portuguesa como unha das principais liñas de actuación do CDG para a temporada 2013-2014 ten tamén o seu reflexo no Salón Teatro, que a finais de outubro se incorpora ao programa Troco x Troco de intercambio teatral Portugal-Galicia. No marco deste ciclo, o 31 de outubro recibirase a Companhia de Teatro de Braga coa montaxe Sabe deus pintar o diabo, dirixida por Rui Madeira a partir da obra de Abel Neves. Dentro deste mesmo programa, o 7 de novembro a compañía Seiva Trupe do Porto representará Adivinhe quem vem para rezar, de Dib Carneiro Neto e con dirección de Júlio Cardoso.

Ademais do teatro, na carteleira que o Centro Dramático promove na súa sede escénica tamén teñen cabida a música, a danza e o audiovisual con moi diferentes propostas. Así este mes de outubro terá lugar o concerto de Vertixe Sonora Ensemble dentro das Xornadas de Música Contemporánea que organiza o Concello de Santiago (día 22), o Concurso de Teatro Xuvenil ‘Xuventude Crea’ da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado (do 23 ao 25) e a proxección do filme A cicatriz blanca, de Margarita Ledo, os días 27 e 28.

En novembro, xunto coas citas xa mencionadas, o Salón Teatro volverá ser unha das sedes do Festival Cineuropa; e en decembro acollerá o Concerto de danzas galegas do Grupo de Cámara Santa Lucía (día 4), a duodécima edición do Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán (do 5 ao 8), a estrea do espectáculo Apnea (variación 2ª) da Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela (día 17) e o concerto Blues Nite Nadal de Adrián Costa e o seu "maquineto" (día 29).

Ligazóns