Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O CONSELLEIRO DE CULTURA E EDUCACIÓN PRESENCIOU A COPRODUCIÓN REALIZADA POLO CENTRO DRAMÁTICO GALEGO E TEATRO DO NOROESTE NO SALÓN TEATRO

Xesús Vázquez Abad asiste á representación da obra de Roberto Vidal Bolaño "Touporroutou da lúa e do sol"

[18/10/2013] O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe a representación da obra Touporroutou da lúa e do sol no Salón Teatro, en Santiago de Compostela, interpretada por Teatro do Noroeste e o Centro Dramático Galego (CDG), dependente da Consellería, e que permanecerá en cartel na capital galega ata este domingo para, posteriormente, comezar unha xira por diferentes escenarios galegos e portugueses.

Xesús Vázquez Abad asiste á representación da obra de Roberto Vidal Bolaño Touporroutou da lúa e do sol

Vázquez Abad presenciou a última das funcións matinais realizadas en Compostela da montaxe da peza orixinal de Roberto Vidal Bolaño con dirección escénica de Eduardo Alonso, compartindo o patio de butacas cun grupo de 150 alumnos e mestres procedentes do Centro Ocupacional O Saiar de Caldas de Reis e do CEIP Agro do Muíño de Ames, cos que se pechou a campaña escolar desenvolvida no Salón Teatro desde o pasado 8 de outubro e pola que pasaron máis de 1.300 estudantes.

A obra
Asinada polo homenaxeado deste ano no Día das Letras Galegas, Roberto Vidal Bolaño, a obra preséntase como unha "farsada choqueira para actores e bonecos, ou viceversa" na que catro titiriteiros axúdanse dos máis diversos elementos para contar historias sobre a orixe destes astros, dos días e das noites, do diluvio universal e sobre como acertar cos tesouros e tratar os mouros, as fadas e, sobre todo, as serpes e os xigantes que os gardan.

O elenco actoral está composto por Victoria Pérez, Alejandro Carro, Fernando González e Laura Míguez. Bernando Martínez encargouse da dirección, en tanto que a escenografía e o vestiario foron ideados por Paco Conesa e Eduardo Alonso asina o deseño de iluminación. Luma Gómez como axudante de dirección e Eva Alonso na produción integran tamén este equipo artístico, que traballou xunto ao persoal técnico do Centro Dramático Galego.

Tras as representacións en Santiago, Touporroutou da lúa e do sol chegará ás localidades galegas de Narón (15 de decembro) e Lugo (26 de decembro); e as lusas de Braga (24 de outubro), Évora ((26 de outubro), Coimbra (31 de outubro) e Porto (2 de novembro).

Traballo da ESAD
A Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia colaborou tamén nesta montaxe, a través da que a Consellería de Cultura e Educación está a afondar na divulgación da figura e a obra de Vidal Bolaño no ámbito educativo, preferentemente entre alumnos e alumnas de 6 a 8 anos de idade.

Ademais de contribuír á experiencia de introducir no elenco actores e actrices que acaban de obter a súa titulación, a ESAD encargouse da elaboración do caderno pedagóxico de apoio, dispoñible na páxina web do CDG, co que os profesores dos centros educativos participantes na campaña escolar de Touporroutou da lúa e do sol poden contar para traballar cos seus alumnos arredor desta obra e da súa versión escénica tanto antes como despois da súa asistencia ao espectáculo.

Touporroutou da lúa e do sol ofrecerá as súas últimas dúas funcións no Salón Teatro de Santiago, xa para público xeral, mañá sábado día 19 e o domingo 20 de outubro, os dous días ás 18:00 horas.

Ligazóns