[02/10/2013] Teatro do Noroeste e o Centro Dramático Galego (CDG), dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, estrean este venres día 4, ás 19.00 horas, no Salón Teatro de Santiago o espectáculo para público familiar Touporroutou da lúa e do sol, de Roberto Vidal Bolaño, que ambas as compañías coproducen co obxectivo de afondar na divulgación da figura e da obra do autor compostelán entre os espectadores máis novos.
A montaxe, dirixida por Eduardo Alonso, permanecerá en cartel na sede do CDG ata o vindeiro día 20 como parte da programación especial que a compañía pública está a desenvolver en homenaxe ao dramaturgo compostelán ao que este ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas. Durante este período, levarase a cabo unha intensa campaña escolar na que se insiren un total de 16 funcións matinais ás que asistirán alumnos de primaria e secundaria de centros escolares de toda Galicia. Ademais, terán lugar outras seis representacións para o público xeral, con pases os sábados e domingos ás 18.00 h. A proposta está recomendada para espectadores a partir dos seis anos de idade.
Equipo artístico e técnico
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e o director do Centro Dramático Galego, Manuel Guede Oliva, acompañaron hoxe a Eduardo Alonso e a parte do equipo artístico na presentación desta estrea. Xunto co elenco interpretativo que integran Alejandro Carro, Laura Míguez, Fernando González e Victoria Pérez, o director contou para a realización desta versión con Paco Conesa no deseño da escenografía e do vestiario, Bernardo Martínez na dirección musical, Luma Gómez como axudante de dirección e Eva Alonso na produción, así como co apoio do equipo técnico do CDG.
Durante a súa intervención, Jacobo Sutil fixo fincapé en varios aspectos da coprodución que van máis alá do feito artístico e que -nas súas palabras- "sitúan esta montaxe como un proxecto de gran valor no marco de actuación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria". Neste sentido, subliñou o feito de que se trate dun espectáculo dirixido preferentemente ao público infantil, "co que se presta atención á afección teatral e á formación dos espectadores do futuro", ao tempo que destacou a aposta polo sistema de coproducións público-privadas como "fórmula solvente para apoiar a actividade das nosas industrias culturais".
Colaboración da ESAD
O director da Agadic referiuse, ademais, á colaboración da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia, que contribuíu á experiencia de introducir no elenco actores e actrices recentemente titulados neste centro. A ESAD encárgase, así mesmo, da elaboración do caderno pedagóxico que, asinado polo profesor Roberto Pascual, sirve de material de apoio para que os profesores dos centros educativos participantes na campaña escolar de Touporroutou da lúa e do sol traballen cos seus alumnos arredor desta obra e da súa versión escénica tanto antes como despois da asistencia ao espectáculo.
Presentada polo seu autor como unha "farsada choqueira para actores e bonecos, ou viceversa", esta obra está considerada como un dos textos de maior calidade escénica de todos os que Roberto Vidal Bolaño ideou pensando especialmente no público infantil. Os protagonistas son catro titiriteiros que, axudados dos máis diversos elementos, contan historias sobre a orixe da lúa e do sol, dos días e das noites, do diluvio universal e sobre como acertar cos tesouros e tratar os mouros, as fadas e, sobre todo, as serpes e os xigantes que os gardan.
Música en directo
Nesta proposta escénica materializada co apoio do CDG, Teatro do Noroeste incide no aspecto metateatral da obra para presentala como unha "homenaxe choqueira" aos que se dedican á arte dramática a través dos personaxes duns cómicos correcamiños que, con poucos medios e escasas destrezas, poñen en pé os seus espectáculos. Para subliñar esta característica, o espectáculo engade ao texto unha cantiga que, como o resto da música composta por Bernardo Martínez, é interpretada en directo polo propio elenco.
Tamén na escenografía asinada por Paco Conesa incídese na condición ambulante da práctica teatral mediante un círculo de terra, que representa aquí todas as prazas de todos os pobos e vilas que percorren os protagonistas, e un carro tipicamente galego como símbolo do seu deambular polo mundo.
Tras a súa estadía no Salón Teatro, Touporroutou da lúa e do sol iniciará en Portugal unha xira para a que xa ten confirmadas funcións en Braga, Évora, Coimbra e Porto, ademais de no Pazo da Cultura de Narón e no Auditorio Gustavo Freire de Lugo.
Venda de entradas
As entradas para as representacións que terán lugar durante as próximas tres fins de semana en Santiago poden adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro, que estará aberto ao público os sábados e domingo a partir das 16.00 horas. O seu prezo é de 10 euros para os sábados -con descontos do 40% para estudantes, xubilados, persoas en situación de desemprego, titulares do carné xove e determinados colectivos profesionais- e de 5 euros para o domingo, día do espectador.