AGADIC

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e TurismoAGADIC

Noticias

O CDG ADIANTOU AS LIÑAS DO SEU PROGRAMA 2013-14, CO QUE ENTRA NO ANO EN QUE SE CONMEMORA O TRINTA ANIVERSARIO DA SÚA FUNDACIÓN

O Centro Dramático Galego presenta a súa nova temporada escénica cos autores Eugene O'Neill e Carlos Casares como protagonistas

[27/09/2013] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentou hoxe a temporada escénica 2013-2014 do Centro Dramático Galego (CDG), durante a que a compañía pública producirá o drama Longa viaxe cara á noite, do estadounidense Eugene O’Neill, e recuperará o seu exitoso espectáculo As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, a partir da obra de teatro infantil de Carlos Casares. Nesta nova programación, que dá comezo o vindeiro 4 de outubro coa estrea de Touporroutou da lúa e do sol xunto a Teatro do Noroeste, o CDG avanza tamén no seu plan de coproducións a través das montaxes de A tempestade, en colaboración coa compañía galega Voadora, e Sem herói nem reino, coa portuguesa Companhia de Teatro de Braga e a angoleña Elinga Teatro.

Presentación temporada 2013-2014

No encontro cos medios para avanzar os que serán os eixos centrais da nova programación da unidade de produción teatral da Xunta de Galicia, así como do Salón Teatro, o director do CDG, Manuel Guede, estivo acompañado polo director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil, e polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Na súa intervención, Anxo Lorenzo destacou o dobre papel que está a desenvolver o CDG coa súa aposta, por unha banda, polo teatro público galego, cunha programación diversa e de calidade, e, por outra, polo fomento da iniciativa privada, a través das coproducións. Tamén subliñou o crecente diálogo coa escena lusófona, que se reforza nesta nova temporada, así como a oferta de programación para o público familiar, con novas montaxes que lles achegan o teatro aos máis novos.

Nova produción
En 2014, ano no que o CDG celebrará o seu trinta aniversario, a compañía institucional achegarase por vez primeira á dramaturxia estadounidense da man de Eugene O’Neill, premio Nobel de Literatura en 1936 e considerado o fundador do teatro norteamericano contemporáneo. Guede Oliva encargarase da dramaturxia e da dirección de escena de Longa viaxe cara á noite, para o que contará cun elenco de catro actores, a escenografía de Rodrigo Roel e o espazo sonoro, a iluminación e o vestiario creados polo propio equipo técnico do Centro. Está previsto que os ensaios deste novo espectáculo dean comezo o vindeiro mes de febreiro cara á súa estrea en maio.

Nomes como Tennesse Williams ou Arthur Miller son debedores da herdanza dramática deste autor, premio Pulitzer en catro ocasións, a última delas de xeito póstumo polo texto que aborda agora o compañía pública galega. Con elementos claramente autobiográficos, Longa viaxe cara á noite está considerada ademais a obra cumio na prolífica produción literaria do seu autor.

Público familiar
A atención ao público infantil e familiar continúa a ocupar un lugar estratéxico na actividade do Centro Dramático Galego, que xunto coa posta en escena da coprodución Touporroutou da lúa e do sol como parte da programación especial que a Consellería de Cultura e Educación está a desenvolver este ano en homenaxe a Roberto Vidal Bolaño, recuperará para os escenarios a partir do mes de outubro o espectáculo As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, única peza teatral escrita por Carlos Casares.

Estreado pola compañía pública en 2004 cunhas brillantes cifras de público e deixando unha fonda pegada na memoria dos escolares que hai dez anos asistiron á súa representación, esta montaxe regresa ás táboas coa confianza de reeditar o seu éxito e ofrecerlles ás novas xeracións a oportunidade de gozar da obra de Casares. Con este fin, volverase contar co portugués José Caldas na dirección escénica e co galego Bernardo Martínez na musical.

Nesta nova temporada avanzarase, así mesmo, no plan de coproducións con dúas novas e ben diferentes propostas. Dunha banda, a compañía galega Voadora contará co apoio do CDG para pasar pola súa peneira o clásico A tempestade, de William Shakespeare, nunha versión que promete unha intensa posta en escena da que os espectadores poderán gozar a partir do mes de outubro de 2014.

Intercambio teatral coa lusofonía
Antes, no mes de xuño, terá lugar a presentación en Santiago de Sem herói nem reino, do dramaturgo angolano José Mena Abrantes, que se coproducirá xunto á Companhia de Teatro de Braga (Portugal) e Elinga Teatro, de Luanda (Angola). A posta en escena deste texto permite seguir afondando nas relacións co espazo da lusofonía, ámbito estratéxico para as industrias culturais galegas no que as artes escénicas veñen desenvolvendo un exemplar percorrido.

Neste marco insírense precisamente outros dous proxectos de colaboración nos que o Centro Dramático Galego está directamente implicado: a iniciativa internacional P-STAGE (Portuguese-Speaking Theatre Actors Gather Energies) e o circuíto de intercambio teatral Portugal-Galicia Troco x Troco.

P-STAGE é un proxecto liderado pola asociación portuguesa Cena Lusófona e do que tamén forman parte Elinga Teatro, a ONG AD-Acção para o Desenvolvimento de Guinea Bissau e o Centro de Intercâmbio Teatral de San Tomé e Príncipe. No seo deste programa leváronse a cabo tres obradoiros de interpretación en Angola, Bissau e San Tomé -un deles impartido polo dramaturgo galego Cándido Pazó-, a partir dos que se está a producir o espectáculo As oraçoes de Mansanta, do guineano Abulai Sila, que xirará polos países integrantes do proxecto a partir do mes de outubro e chegará ao Salón Teatro en abril do ano que vén.

Pola súa banda, Troco x Troco é un novo circuíto impulsado pola Agadic e a Cena Lusófona no que participan catro espazos galegos e catro portugueses nun calendario pechado de actuacións ata 2014. Oito formacións de ambos os países serán as encargadas de inaugurar esta iniciativa, no marco da que o Salón Teatro recibirá proximamente á Companhia de Teatro de Braga con Sabe Deus pintar o diabo (31 de outubro), Seiva Trupe de Porto con Adivinhe quen vem para rezar (7 de novembro) e, xa en 2014, ás compañías Escola da Noite de Coimbra e Centro Dramático de Évora.

Programación do Salón Teatro
Ademais do teatro, na carteleira que o Centro Dramático promoverá na súa sede escénica tamén terán cabida a música, a danza e o audiovisual con moi diferentes propostas que se desenvolverán durante toda a temporada. Así mesmo, no último trimestre deste ano seguirá a ter un especial protagonismo no Salón Teatro a figura de Roberto Vidal Bolaño a través da exhibición de Touporroutou da lúa e do sol e das dúas producións realizadas este ano co apoio do CDG polas compañías fundadas polo dramaturgo compostelán -Criaturas de Teatro do Aquí e BailadELAS de Teatro Antroido-, así como da segunda quenda do ciclo audiovisual Roberto Vidal Bolaño Recuperado.

Destaca tamén nesta programación a colaboración entre a Agadic e o Concello de Santiago para a presentación en Galicia do Teatro Nacional Dona María II de Lisboa, que os días 25 e 26 de outubro escenificará en Compostela -no Teatro Principal, neste caso- o seu espectáculo Gil Vicente na horta, a partir de O Velho da horta e outros textos de Gil Vicente.

Documentación