Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

ESTA NOVA VERSIÓN DA OBRA DE TEATRO INFANTIL DE VIDAL BOLAÑO FORMA PARTE DA PROGRAMACIÓN QUE A CONSELLERÍA DE CULTURA E EDUCACIÓN DEDICA ESTE ANO AO DRAMATURGO COMPOSTELÁN

Comezan os ensaios do espectáculo "Touporroutou da lúa e do sol" que o Centro Dramático Galego coproduce con Teatro do Noroeste

[20/08/2013] Teatro do Noroeste e o Centro Dramático Galego (CDG), dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, inician esta semana os ensaios do espectáculo Touporroutou da lúa e do sol, obra de teatro infantil escrita por Roberto Vidal Bolaño que ambas as dúas compañías coproducen no marco da programación especial que a Xunta de Galicia dedica este ano ao dramaturgo homenaxeado no Día das Letras.

Ensaios de "Touporroutou da lúa e do sol"

As instalacións do CDG en Santiago de Compostela acollerán a meirande parte dos traballos dos equipos artístico e técnico que, baixo a dirección de Eduardo Alonso, artellarán durante o próximo mes e medio unha posta en escena pensada para todos os públicos. A montaxe será estreada o 4 de outubro no Salón Teatro, sede da compañía pública, onde permanecerá en cartel ata o día 20 dese mes para emprender a continuación unha xira por diferentes escenarios galegos e portugueses.

Música en directo
Durante unha primeira fase de ensaios, os catro integrantes do elenco -Victoria Pérez, Alejandro Carro, Fernando González e Laura Míguez- centraranse especificamente na música desta coprodución, que están a preparar xunto a Bernando Martínez, encargado da dirección musical, para a súa interpretación en directo sobre o escenario. Ao tempo, ultimarase a escenografía e o vestiario ideados por Paco Conesa para o espectáculo, no que o propio Eduardo Alonso asina o deseño de iluminación. Luma Gómez como axudante de dirección e Eva Alonso na produción integran tamén este equipo artístico, que traballa xa xunto ao persoal técnico do Centro Dramático Galego.

Presentada polo seu autor como unha "farsada choqueira para actores e bonecos, ou viceversa", a obra Touporroutou da lúa e do sol está considerada como un dos textos de maior calidade escénica de todos os que Roberto Vidal Bolaño ideou pensando no público infantil. Os protagonistas son catro titiriteiros que, axudados dos máis diversos elementos, contan historias sobre a orixe destes astros, dos días e das noites, do diluvio universal e sobre como acertar cos tesouros e tratar os mouros, as fadas e, sobre todo, as serpes e os xigantes que os gardan.

Colaboración da ESAD
A Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia colabora tamén nesta montaxe, a través da que Consellería de Cultura e Educación afondará na divulgación da figura e a obra de Vidal Bolaño no ámbito educativo mediante unha intensa campaña escolar dirixida preferentemente a alumnos e alumnas de entre 6 e 8 anos de idade. Con tal fin, o CDG mantén aberto o período de reserva para as funcións escolares que se desenvolverán no Salón Teatro e que darán comezo na semana inmediatamente posterior á estrea, con dous pases diarios de martes a venres.

Ademais de contribuír á experiencia de introducir no elenco interpretativo actores e actrices que acaban de obter a súa titulación, a ESAD estase a encargar da elaboración do caderno pedagóxico de apoio, co que os profesores dos centros educativos participantes na campaña escolar de Touporroutou da lúa e do sol poderán contar para traballar cos seus alumnos arredor desta obra e da súa versión escénica tanto antes como despois da súa asistencia ao espectáculo.

Na imaxe, o elenco nunha das primeiras sesións de ensaios. Fotografía: Teatro do Noroeste

Ligazóns