Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A SÚA DIRECTORA, MERCEDES SUÁREZ, FORMA PARTE DESTA MESA CREADA RECENTEMENTE CO OBXECTIVO DE ESTABLECER UN MODELO DE COORDINACIÓN ENTRE CREADORES, COMPAÑÍAS E A SOCIEDAD GENERAL DE AUTORES

O Centro Coreográfico Galego integra o novo grupo de traballo de coreografía da SGAE

[03/07/2013] O Centro Coreográfico Galego da Consellería de Cultura e Educación forma parte do novo grupo de traballo de coreografía constituído recentemente no seo da Sociedad General de Autores y Editores (SGAE) co fin de analizar os problemas e propoñer solucións arredor da xestión dos dereitos das obras coreográficas.

mercedes suarez

A directora do Centro Coreográfico, Mercedes Suárez, participa nesta mesa temática xunto cos representantes da SGAE e da Fundación Autor, así como con destacados nomes do sector da danza a nivel estalal, como Cesc Casadesús, director do Mercat de les Flors de Barcelona; Cristobal Ortega, director da Bienal de Flamenco de Sevilla; e os bailaríns e coreógrafos Eva Yerbabuena, Aída Gómez, Javier Latorre, Jon Maya, Toni Mira, Juan Torres Larrumbe ou Rosángeles Valls, entre outros.

Titularidade dos dereitos
O grupo, que levaba preto de vinte anos sen se convocar, comezou os seus traballos a finais do mes de abril, cando tivo lugar unha primeira reunión para establecer o calendario de accións e os obxectivos a alcanzar. Entre os principais temas que abordarán atópase a titularidade dos dereitos das obras coreográficas, así como a presenza dos coreógrafos nas fichas de reparto. Este grupo de traballo elevará á SGAE as súas propostas no sentido de fomentar unha recadación e un reparto xusto dos dereitos coreográficos en relación, por exemplo, á música empregada para unha creación deste tipo.

Con este fin, xa no primeiro encontro subliñouse a necesidade de establecer un modelo de coordinación entre coreógrafos, compañías e a SGAE para a xestión destes dereitos, así como para o tratamento das tarifas tanto dentro como fóra de España. O grupo tentará manter unha actividade continuada, con reunións frecuentes, para afondar neste tipo de cuestións e para propoñer posibles solucións. Así, na segunda sesión, celebrada o pasado mes de xuño, analizouse a situación dos rexistros de obras coreográficas e das autorizacións musicais para as montaxes de danza, ademais do seguimento de xiras e temporadas e o impulso das altas de novos coreógrafos a través da colaboración coas asociacións profesionais.