Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

ESTÁ PRODUCIDA POR FIRMIST ANIMACIÓN CON DIRECCIÓN DE IVÁN FERNÁNDEZ E GUIÓN DE JOSÉ RAMÓN PUENTE

O Salón Teatro da Consellería de Cultura e Educación estrea este xoves a curta galega de animación "Cousas de meigas"

[02/07/2013] O Salón Teatro da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acolle este xoves 4 de xullo ás 21:00 horas a estrea da curta de animación Cousas de meigas, producida pola empresa galega Firmist Animación, con dirección de Iván Fernández e guión de José Ramón Puente.

Cousas de meigas

Cousas de meigas conta durante oito minutos e medio a historia de Curuxa, unha meiga compostelá que perde á súa nai cando aínda non está preparada para ser meiga adulta. A partir de aí, fará probas frustradas co seu libro de conxuros e coa súa vasoira, pero terá unha axuda inesperada por parte dunha vella gárgola, coñecedora pola súa idade de todos os trucos e que posúe a peculiaridade de cobrar vida coa lúa chea. As peripecias entre Curuxa e a gárgola farán que a protagonista aprenda o funcionamento da vasoira como paso fundamental para facerse meiga adulta. Finalmente, o espectador decátase de que tanto Curuxa como a súa nai ou a gárgola son tan antigas como a propia cidade de Santiago de Compostela e que niso basean a súa sabedoría.

Ademais da dirección de Iván Fernández —autor tamén da adaptación e do storyboard— e do guión de José Ramón Puente —quen á súa vez se fixo cargo da produción executiva— participan na interpretación deste filme en galego como idioma orixinal os actores de dobraxe Daniel Pérez e Isabel Luis. Da animación ocupáronse Virginia Marcos, Javier Vázquez e Féliz Gil, responsable este último así mesmo da iluminación xunto a Pablo Pazos e Cristian Franganillo. Da banda sonora asinada por Sergio Pena forma parte a interpretación da canción titulada Medio Meiga a cargo do grupo galego Ruxe Ruxe.