Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O ESPECTÁCULO DO CENTRO DRAMÁTICO GALEGO PECHARÁ A SÚA XIRA MAÑÁ NO THEATRO CIRCO DE BRAGA TRAS TER OFRECIDO UN TOTAL DE 38 FUNCIÓNS EN 12 ESCENARIOS

Cultura e Educación difunde a obra de Vidal Bolaño en Portugal coa representación de "Días sen gloria" e unha mesa redonda sobre o autor

[20/06/2013] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove a proxección da figura de Roberto Vidal Bolaño en Portugal a través do Centro Dramático Galego (CDG), que actúa mañá venres no Theatro Circo de Braga co espectáculo Días sen gloria, e da súa participación na mesa redonda Sonhando um teatro do aqui, que terá lugar na tarde de hoxe nesta mesma cidade.

Días sen gloria

A compañía pública concluirá así os dous meses e medio de percorrido da súa versión dunha das obras mestras do autor compostelán, coa que se terá presentado en 12 escenarios para ofrecer un total de 38 funcións, 15 delas para público escolar. Fefa Noia encargouse da dirección escénica desta adaptación, que é ademais a proposta central na programación coa que a Consellería rende homenaxe a Vidal Bolaño no ano en que se lle dedica o Día das Letras.

Encontro en Braga
Como actividade paralela a esta última representación de Días sen gloria, o dramaturgo galego é tamén obxecto do encontro que se celebra esta tarde na libraría Centésima Página de Braga para analizar diferentes aspectos da súa produción dramática. Intervirán na mesa redonda Manuel Guede Oliva, director do CDG; Rui Madeira, director do Theatro Circo; Xaquín Núñez Sabarís, profesor da Universidade do Minho, e Francisco Macías, director de Edicións Positivas. Baixo a coordinación de Marisa Moreda, lectora do Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho, abordarase tanto o conxunto da creación bolañana como as relacións escénicas entre Galicia e Portugal, ademais de se presentar o último volume das obras completas de Roberto Vidal Bolaño, publicado por Edicións Positivas.

Afondando tamén neste diálogo bilateral, hoxe terá lugar no Porto a presentación en Portugal de Troco x Troco, novo circuíto de intercambio teatral entre ambos os países que ofrecerá un total de 32 actuacións de oito compañías en Narón, Ourense, Santiago, Tui, Braga, Coimbra, Évora e Porto. De acordo co calendario de distribución deste novo programa, a obra de Roberto Vidal Bolaño regresará aos escenarios portugueses entre outubro e novembro da man da compañía galega Teatro do Noroeste e do espectáculo infantil Touporroutou da lúa e do sol, coproducido co Centro Dramático Galego.

Universo bolañano
Mentres, o público portugués terá mañá a oportunidade de se achegar ao universo bolañano a través de Días sen gloria, que o CDG representará ás 21.30, hora portuguesa. Manuel Manquiña, Eva Souto, Borja Fernández, Felisa Segade e Sergio Zearreta interpretan esta nova versión do texto gañador do Premio Rafael Dieste en 1999, que a compañía Teatro do Aquí, fundada e dirixida por Roberto Vidal Bolaño, levou ás táboas hai vinte anos co propio autor no papel protagonista.

Trátase, ademais, dunha peza que reúne moitos dos sinais de identidade da creación dramática do autor compostelán, cos seus personaxes e ambientes marxinais, a épica da derrota como temática recorrente e onde se reflicten, así mesmo, as súas recoñecidas influencias cinematográficas.

Días sen gloria é a historia de dous antiheroes que comparten unha viaxe sen retorno, ambientada no Camiño de Santiago como territorio no que o paradigma amor-morte se converte en atmosfera inquietante. Ambos os dous compartirán 30 días de viaxe física e emocional, que sobre as táboas se desenvolve a través dunha trintena de escenas, con 25 personaxes para cinco actores e 50 espazos nun mesmo escenario.

Manuel Manquiña, un dos actores galegos máis coñecidos, e Eva Souto, unha das novas caras da nosa escena, son El e Ela, dous personaxes anónimos e derrotados que peregrinan a Compostela na procura de cadansúa utopía. Ela é unha prostituta nova e inxenua, que pretende alcanzar o cabaleiro que a enganou ao non lle pagar polos servizos amatorios de dúas semanas. El é un gallofo vello, coñecedor de todos os atallos e ameazas da ruta xacobea, que accede a acompañala a cambio de cartos para acabar enfrontando xuntos un destino que xa na primeira escena se presenta como inevitable.

Espazo sonoro en directo
Sairanlles ao paso cegos, tolos, esmoleiros, prostitutas e predicadores, así como o propio cabaleiro e o seu círculo, todos eles interpretados por Borja Fernández, Felisa Segade e Sergio Zearreta. A experiencia musical destes tres intérpretes permítelles asinar tamén o espazo sonoro do espectáculo que, máis alá dun mero acompañamento musical, recrea en directo a tradición popular a partir das cantigas que se recollen no texto e coa incorporación doutras novas.

Este importante reto escénico supón, ademais, o regreso ao teatro galego de Fefa Noia, directora compostelá afincada en Madrid e cunha intensa traxectoria vinculada a Teatro de la Abadía, Centro Dramático Nacional, Compañía Nacional de Teatro Clásico, EscénaTe e á súa compañía Los Lunes, entre outras. Para a súa materialización, contou coa escenografía de Baltasar Patiño, a iluminación de Pedro Yagüe e o vestiario de Alejandro Andújar, así como coa asistencia na dirección de Roi Vidal, fillo do autor.

Ligazóns