[31/05/2013] O Centro Dramático Galego (CDG) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria desenvolverá en Rianxo dúas novas funcións da súa última produción, Días sen gloria, de Roberto Vidal Bolaño, baixo a dirección de Fefa Noia. O Auditorio Municipal recibe mañá sábado 1 de xuño o espectáculo estreado pola compañía pública en homenaxe ao autor ao que se dedica este ano o Día das Letras Galegas e programará, ademais, outro pase o luns día 3 especialmente dirixido aos escolares da comarca.
A montaxe, que chega a Rianxo en colaboración co Concello e como parte final da xira que está a desenvolver por distintos escenarios galegos, foi presentada hoxe aos medios locais nunha rolda de prensa na que participaron Adelina Ces Quintáns, concelleira de Servizos Sociais; Manuel Guede Oliva, director do CDG; e Manuel Manquiña, o actor protagonista.
No acto explicáronse as claves e a transcendencia da posta en escena de Días sen gloria como a proposta de teatro central da programación deseñada pola Consellería de Cultura e Educación para a difusión da figura e da obra de Vidal Bolaño, primeiro dramaturgo e profesional da escena ao que se honra no Día das Letras.
Obra mestra
Manuel Manquiña, Eva Souto, Borja Fernández, Felisa Segade e Sergio Zearreta interpretan esta nova versión do texto gañador do Premio Rafael Dieste en 1992, que Teatro do Aquí, a compañía de Vidal Bolaño, levou ás táboas hai vinte anos co propio autor no papel protagonista. Está considerada, ademais, como unha das súas obras mestras, na que se atopan algúns dos elementos recorrentes na produción teatral bolañana -a épica da derrota ou os personaxes e ambientes marxinais, entre eles- e onde tamén se reflicten as súas recoñecidas influencias cinematográficas con claros acenos ao western e ás road-movies.
Días sen gloria é a historia de dous antiheroes que comparten unha viaxe sen retorno, ambientada no Camiño de Santiago como territorio no que o paradigma amor-morte se converte en atmosfera inquietante. Ambos os dous compartirán trinta días de viaxe física e emocional, que sobre as táboas se desenvolve a través dunha trintena de escenas concentradas en pouco máis de hora e media de función, con 25 personaxes para cinco actores e 50 espazos nun mesmo escenario.
Manuel Manquiña, un dos actores galegos máis coñecidos, e Eva Souto, unha das novas caras da nosa escena, son El e Ela, dous personaxes anónimos e derrotados que peregrinan a Compostela na procura de cadansúa utopía. Ela é unha prostituta nova e inxenua, que pretende darlle alcance ao cabaleiro que a enganou ao non lle pagar polos servizos amatorios de dúas semanas. El é un gallofo vello, coñecedor de todos os atallos e ameazas da ruta xacobea, que accede a acompañala a cambio de cartos para acabar enfrontando xuntos un destino que xa na primeira escena se presenta como inevitable.
Espazo sonoro especial
Sairanlles ao paso cegos, tolos, esmoleiros, prostitutas e predicadores, así como o propio cabaleiro e o seu círculo, todos eles interpretados por Borja Fernández, Felisa Segade e Sergio Zearreta. A experiencia musical destes tres intérpretes -Felisa Segade como integrante de Leilía e Brincadeira e Borja Fernández e Sergio Zearreta tanto en proxectos de teatro musical como á fronte das bandas Soy Un Árbol e Lamatumbá, respectivamente- permítelles asinar tamén o espazo sonoro do espectáculo que, máis alá dun mero acompañamento musical, recrea en directo a tradición popular a partir das cantigas que se recollen no texto e coa incorporación doutras novas.
Este importante reto escénico supón, ademais, o regreso ao teatro galego de Fefa Noia, directora compostelá afincada en Madrid e cunha intensa traxectoria profesional vinculada a Teatro de la Abadía, Centro Dramático Nacional, Compañía Nacional de Teatro Clásico, EscénaTe e á súa compañía Los Lunes, entre outras formacións. Para a súa materialización, contou coa escenografía a base de cordames móbiles de Baltasar Patiño, a iluminación de Pedro Yagüe e o vestiario de Alejandro Andújar, así como coa asistencia na dirección de Roi Vidal, fillo do autor.
As entradas para a función do sábado de Días sen gloria en Rianxo, que principiará ás 21:00 horas, poderán mercarse a un prezo único de 5 euros desde unha hora antes do comezo do espectáculo no despacho de billetes do propio Auditorio Municipal.