Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

VANESA SOTELO DIRIXE ESTA MONTAXE CONTEMPORÁNEA, QUE FINALIZA O SEU PERÍODO DE EXHIBICIÓN COA FUNCIÓN DESTE SÁBADO, ÁS 20.30 HORAS

Inversa Teatro preséntase no Salón Teatro de Santiago para escenificar por última vez o seu espectáculo "Kamouraska"

[30/05/2013] O Salón Teatro da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acolle este sábado 1 de xuño, ás 20.30 horas, o espectáculo Kamouraska, proposta contemporánea da compañía Inversa Teatro con dramaturxia e dirección de Vanesa Sotelo, un dos nomes máis destacados da nova escena galega. Esta será, ademais, a última función desta peza, que conclúe en Santiago de Compostela o seu percorrido escénico tras varios anos en exhibición.

Kamouraska

Beatriz Campos, María Caparrini e Marta Pérez interpretan esta montaxe, producida co apoio da Consellería a través das axudas á actividade escénica da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Esta fin de semana chega á sede do Centro Dramático Galego (CDG) tras unha xira dun mes por diferentes festivais e teatros de Venezuela, México e Colombia, durante a que as tres integrantes do elenco foron convidadas tamén a impartir varios talleres.

Manuel Guede Oliva, director do CDG-Salón Teatro, e Marta Pérez, fundadora, directora e actriz de Inversa Teatro, presentaron hoxe a nova función deste espectáculo, resultante dun proceso de creación escénica de corte contemporáneo e de carácter asociativo que se fundamenta no traballo actoral, ao tempo que se sostén na potencia do visual e do sonoro. Sobre as táboas, articúlase como unha peza-paisaxe que busca captar a atención do espectador pola vía da contemplación fronte á da comprensión, do irracional fronte ao racional.

Solo de Marta Pérez
Os responsables de ambas compañías avanzaron tamén o proxecto de residencia artística que Inversa Teatro manterá a partir de mediados de xuño no Centro Dramático Galego para preparar a estrea do seu próximo espectáculo, Fémina Sapiens, un solo escrito e interpretado pola propia Marta Pérez baixo a dirección escénica de Carlos Álvarez-Ossorio.

Ademais desta estadía artística, Inversa Teatro contará con material escénico e de atrezzo do CDG para a posta en escena da súa nova montaxe, coa que regresará a Latinoamérica a finais de xullo para a súa estrea nos festivais Santander en Escena de Bucaramanga (Colombia) e Festea de Caracas (Venezuela). Esta será a cuarta viaxe da compañía ao continente americano, onde obtivo sempre unha calorosa resposta por parte do público e da crítica.

Neste sentido, o interese que Kamouraska espertou a raíz da súa exhibición na VII Muestra Latino Americana de Teatro de Grupo de São Paulo e en diferentes escenarios colombianos durante 2012 materializouse na xira que a compañía realizou en abril con este mesmo espectáculo, así como nos convites para a estrea da súa próxima proposta.

Traxedia subterránea
Kamouraska é un lugar mental onde habitan tres personaxes, entre humanas e caninas, que teñen a posibilidade de reinventar un universo con regras propias no que o xogo é chegar á felicidade ríndose da infelicidade. O proxecto de creación xorde da obra Le langue-à-langue des chiens de roche, do autor quebequés Daniel Danis, na que os habitantes dunha illa imaxinaria organizan raves salvaxes para liberar os seus instintos baixo a vixilancia dos seus cans como testemuñas mudas.

A partir deste texto, a directora e as intérpretes iniciaron o proceso de creación dunha nova peza na que investigan os mecanismos do posdrama e a combinación de humor e violencia como vía de escape ante ese enigma que é a vida mesma. O resultado é, segundo a definición da propia compañía, unha "traxedia subterránea dentro dunha comedia cruel para tres actrices" para a que conta tamén co espazo sonoro de Juan Hernández (Ronett Studio) e a escenografía de La Böcöque.

Marta Pérez fundou Inversa Teatro en 2009 como unha aposta polo teatro contemporáneo e de experimentación, así como pola dramaturxia galega contemporánea. O seu traballo fundaméntase na convivencia de diferentes ámbitos artísticos como as artes escénicas, o audiovisual, a música e as artes gráficas. Ademais de Kamouraska, a compañía mantén en cartel os espectáculos Expostas, A illa das mulleres tolas e Paper Doll, ao tempo que prepara as súas novas propostas: Fémina Sapiens e Te con Kant.

As entradas para a súa función deste sábado no Salón Teatro estarán á venda no despacho de billetes desde dúas horas antes do comezo da representación. O seu prezo é de 10 euros, cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xove, desempregados e determinados colectivos profesionais.

Documentación
Ligazóns