Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O CENTRO SOCIAL NOVACAIXAGALICIA ACOLLE ESTE XOVES, ÁS 20.30 H, A POSTA EN ESCENA DESTA OBRA MESTRA DO DRAMATURGO COMPOSTELÁN

Chega a Pontevedra "Días sen gloria", a produción do CDG en homenaxe a Roberto Vidal Bolaño

[28/05/2013] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presenta este xoves día 30 no Centro Social Novacaixagalicia de Pontevedra a produción do Centro Dramático Galego (CDG) Días sen gloria, de Roberto Vidal Bolaño. A galega Fefa Noia dirixe a adaptación dunha das obras que mellor resume o universo bolañano e que regresa aos escenarios como proposta escénica central da programación coa que a Consellería rende homenaxe ao dramaturgo compostelán, ao que este ano se dedicou o Día das Letras.

Días sen gloria

O espectáculo chega a Pontevedra en colaboración coa Fundación Novacaixagalicia, cuxa directora de Contidos Socioculturais, María Teresa Cores, acompañou hoxe a Jacobo Sutil Nesta, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Manuel Guede Oliva, director do CDG; e Manuel Manquiña, actor protagonista do espectáculo, na presentación da función que terá lugar o xoves ás 20.30 horas. Ademais, mañá celebrarase unha sesión matinal para centros escolares no marco da ampla campaña didáctica que a unidade de produción teatral de Cultura e Educación está a desenvolver con esta montaxe.

Programa pedagóxico
Na súa intervención, o director da Agadic fixo fincapé na importancia deste programa pedagóxico, que o Centro Dramático Galego leva a cabo en colaboración con centros de ensino secundario de toda Galicia. Como sinalou Sutil, con esta iniciativa "Vidal Bolaño gañará de seguro novos seguidores, ao tempo que as nosas industrias culturais poderán beneficiarse dun público futuro, formado e crítico, ao que ofertar os seus produtos".

Días sen gloria encara xa a recta final da xira que iniciou a primeiros de maio, tras unha estadía dun mes no Salón Teatro de Santiago. Ao finalizar este percorrido, que se estenderá ata mediados de xuño, a produción do CDG terá ofrecido un total de 38 funcións en once escenarios galegos e un portugués.

Elenco
Manuel Manquiña, Eva Souto, Borja Fernández, Felisa Segade e Sergio Zearreta interpretan esta nova versión do texto gañador do Premio Rafael Dieste en 1992, que Teatro do Aquí, a compañía de Vidal Bolaño, levou ás táboas hai vinte anos co propio autor no papel protagonista. Está considerada, ademais, como unha das súas obras mestras, na que se atopan algúns dos elementos recorrentes na produción teatral bolañana -a épica da derrota ou os personaxes e ambientes marxinais, entre eles- e onde tamén se reflicten as súas recoñecidas influencias cinematográficas con claros acenos ao western e ás road-movies.

Días sen gloria é a historia de dous antiheroes que comparten unha viaxe sen retorno, ambientada no Camiño de Santiago como territorio no que o paradigma amor-morte se converte en atmosfera inquietante. Ambos os dous compartirán trinta días de viaxe física e emocional, que sobre as táboas se desenvolve a través dunha trintena de escenas concentradas en pouco máis de hora e media de función, con 25 personaxes para cinco actores e 50 espazos nun mesmo escenario.

Personaxes anónimos e derrotados
Manuel Manquiña, un dos actores galegos máis coñecidos, e Eva Souto, unha das novas caras da nosa escena, son El e Ela, dous personaxes anónimos e derrotados que peregrinan a Compostela na procura de cadansúa utopía. Ela é unha prostituta nova e inxenua, que pretende darlle alcance ao cabaleiro que a enganou ao non lle pagar polos servizos amatorios de dúas semanas. El é un gallofo vello, coñecedor de todos os atallos e ameazas da ruta xacobea, que accede a acompañala a cambio de cartos para acabar enfrontando xuntos un destino que xa na primeira escena se presenta como inevitable.

Sairanlles ao paso cegos, tolos, esmoleiros, prostitutas e predicadores, así como o propio cabaleiro e o seu círculo, todos eles interpretados por Borja Fernández, Felisa Segade e Sergio Zearreta. A experiencia musical destes tres intérpretes -Felisa Segade como integrante de Leilía e Brincadeira e Borja Fernández e Sergio Zearreta tanto en proxectos de teatro musical como á fronte das bandas Soy Un Árbol e Lamatumbá, respectivamente- permítelles asinar tamén o espazo sonoro do espectáculo que, máis alá dun mero acompañamento musical, recrea en directo a tradición popular a partir das cantigas que se recollen no texto e coa incorporación doutras novas.

Este importante reto escénico supón, ademais, o regreso ao teatro galego de Fefa Noia, directora compostelá afincada en Madrid e cunha intensa traxectoria profesional vinculada a Teatro de la Abadía, Centro Dramático Nacional, Compañía Nacional de Teatro Clásico, EscénaTe e á súa compañía Los Lunes, entre outras formacións. Para a súa materialización, contou coa escenografía a base de cordames móbiles de Baltasar Patiño, a iluminación de Pedro Yagüe e o vestiario de Alejandro Andújar, así como coa asistencia na dirección de Roi Vidal, fillo do autor.

Venda de entradas
A venda anticipada de entradas para a función en Pontevedra está dispoñible ata as 15.00 horas do xoves a través da web www.servinova.com e do teléfono 902 504 500, operativo de 8.00 a 22.00 horas. Tamén poderán adquirirse no despacho de billetes do Centro Social Novacaixagalicia desde unha hora antes do comezo do espectáculo. O prezo das localidades sitúase entre os 6 e os 8 euros, máis gastos de xestión, con descontos para maiores de 65 anos, persoas en situación de desemprego, familias numerosas e pagos coa tarxeta Nx.

Ligazóns