Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O ESPAZO COMPOSTELÁN OFRECERÁ NA TARDE DO VENRES 24 DOUS PASES, ÁS 18.30 E ÁS 20.30 H, DESTA ADAPTACIÓN DO FAMOSO CONTO DE HANS CHRISTIAN ANDERSEN

O público familiar será protagonista este venres no Salón Teatro con dúas funcións de "O soldadiño de chumbo" de Baobab

[22/05/2013] O Salón Teatro da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dedica a xornada do venres 24 ao público infantil e familiar con dúas funcións do espectáculo O soldadiño de chumbo, nova proposta da compañía galega Baobab Teatro que poderá verse ás 18.30 e ás 20.30 horas.

baobab

Tras varios meses de programación dirixida aos espectadores adultos, o teatro infantil regresa á sede do Centro Dramático Galego en Santiago con esta versión do famoso conto de Hans Christian Andersen. A montaxe está especialmente pensada para nenos e nenas a partir dos 4 anos de idade, ao tempo que busca cativar tamén aos adultos que os acompañen a través dunha coidada plasticidade e da súa fidelidade ao conto orixinal.

Para levar a escena este clásico, a compañía desenvolveu un importante labor de investigación e de documentación que se plasma nun espectáculo ideado como homenaxe ao autor danés. A través da combinación de diferentes técnicas escénicas, como o teatro de actor, de obxectos e de monicreques, O soldadiño de chumbo introduce o espectador nesta historia de aventuras onde a inocencia e o amor verdadeiro, non exentos de humor, saen vencedores do seu enfrontamento co poder.

Elenco
Baobab Teatro é una compañía de recente creación, con pouco máis de dous anos de traxectoria, aínda que os seus fundadores, Andrea Bayer e Óscar Ferreira, contan cunha ampla traxectoria no ámbito do teatro infantil despois de ter traballado en compañías como Teatro Akatro ou Galitoon. Ambos asinan a dramaturxia e a dirección deste novo espectáculo -o terceiro despois de Fíos e Babs- que interpretan xunto a Daniel Abalo, Xosé Esperante e Xurxo Cortázar. Óscar Ferreira encargouse tamén da escenografía con María Paz e Begoña Paz, mentres que Daniel Abalo deseñou o son e a iluminación.

As entradas para as dúas funcións de O soldadiño de chumbo en Santiago poderán adquirirse, a un prezo único de 5 euros por localidade, o mesmo venres no despacho de billetes do Salón Teatro, que estará aberto ao público desde as 16.30 horas.

Ligazóns