Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O CONCERTO DE ENSAMBLE INSTRUMENTAL É UN REPASO A CINCO OBRAS DA TRAXECTORIA DO COMPOSITOR

Manuel Rodeiro escolle o Salón Teatro para a estrea de "Fende-lo son"

[17/02/2007] O compositor galego Manuel Rodeiro estrea no Salón Teatro de Santiago de Compostela o seu último espectáculo de música contemporánea, Fende-lo Son, un concerto que repasa a través de cinco obras a súa traxectoria profesional. Acompañado polo Ensamble instrumental que forman Felipe González Agell (clarinete), Berta Fresco (piano) e Carme Garrigó (percusión), o evento terá lugar este domingo 18 ás 20.00 horas.

O compositor galego Manuel Rodeiro estrea no Salón Teatro de Santiago de Compostela o seu último espectáculo de música contemporánea, Fende-lo Son, un concerto que repasa a través de cinco obras a súa traxectoria profesional. Acompañado polo Ensamble instrumental que forman Felipe González Agell (clarinete), Berta Fresco (piano) e Carme Garrigó (percusión), o evento terá lugar este domingo 18 ás 20.00 horas.

Nome de crecente prestixio no ámbito da música contemporánea, non só como compositor senón tamén como teórico e divulgador, Manuel Rodeiro ten traballado para a Xunta de Galicia, o Centro Dramático Galego ou o Centro para a Difusión da Música Contemporánea; pezas súas foron a que abriu as celebracións programadas para o Xacobeo 93 (interpretada pola Orquesta y Coros Nacionales de España) ou a que compuxo para a apertura oficial do Centro Galego de Arte Contemporánea.

A súa música soou en salas de concertos e festivais como o I International Harp Festival, o Festival de Música Contemporánea de Barcelona, o Festival de Música de Estrasburgo ou o Phantom Arts (EUA). Mención especial merece a súa produción audiovisual para o teatro, o vídeo e o cine, onde destaca a creación da música orixinal para A Pedra, un dos seis traballos de videocreación que, prologados por Manuel Rivas e co título xeral de Seis olladas de Compostela, impulsou Canal+ co gallo da Capitalidade Cultural Europea do ano 2000.

Toda a súa obra está presidida por unha atemporalidade excepcional, constituindo o maior signo de identidade dunha concepción musical esencialmente dramática. Pero, o mesmo tempo, revélase como unha expresión profunda dun sentimento máxico da natureza e da paixón, debido ás súas orixes.

As entradas poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. O prezo das localidades é de 10 €, cun desconto do 40% para estudantes, maiores de 65 anos e posuidores do carné xove.