AGADIC

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e TurismoAGADIC

Noticias

A PRIMEIRA COMPAÑÍA TEATRAL DE INVIDENTES CREADA EN GALICIA ACTÚA ESTE MÉRCORES NA SEDE DO CDG, QUE CEDE O SEU ESCENARIO A UN TOTAL DE CINCO PROPOSTAS INTEGRADORAS E SOLIDARIAS

O grupo de teatro da ONCE Valacar representa a súa versión do clásico de Molière 'O médico á forza' dentro da nova carteleira do Salón Teatro

[20/05/2013] O Salón Teatro da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acolle este mércores 22, ás 20.30 horas, a representación da versión do clásico de Molière O médico á forza a cargo de Valacar, grupo galego de teatro da ONCE (Organización Nacional de Ciegos Españoles). Esta actuación insírese na nova programación que o espazo compostelán desenvolve ata finais de xuño, dentro da que terán lugar outras 17 citas co teatro, a música e o audiovisual galegos.

Valacar

Valacar, primeira compañía de teatro de invidentes creada en Galicia e unha das pioneiras en España, protagoniza ademais a primeira das cinco propostas integradoras e solidarias á que o Centro Dramático Galego (CDG) cede o seu espazo dentro desta carteleira. Con máis de 20 anos de traxectoria, esta formación dedícase a impulsar a integración na sociedade das persoas cegas a través das artes escénicas e a formar actores e actrices -con e sen discapacidade visual- a través dos seus obradoiros. Na actualidade, é un dos grupos artísticos da Asociación Cultural de Cegos e Deficientes Visuais da Coruña, patrocinado integramente pola ONCE.

Entrada libre
No Salón Teatro ofrecerá unha función, de entrada gratuíta, de O médico á forza, con adaptación e dirección de Arturo López, que chega a Santiago despois de participar na XIV Bienal de Teatro da ONCE na localidade catalá de Terrasa. Nesta ocasión, Arturo López -responsable da compañía profesional Espello Cóncavo- tamén forma parte do elenco interpretativo xunto a Marisé Vidal, Antonio Rumbo Vidal, Felipe Cotelo, Héctor Fraga Sánchez, Luz Míguez Baldomir, Yésica Val e Anxo Meis. Ademais, Rodrigo Roel colabora con Valacar no deseño da escenografía e do atrezzo deste espectáculo, que conta así mesmo co vestiario cedido por Teatro Galileo e polo CDG.

Esta programación solidaria continuará o xoves 30 de maio coa Homenaxe a Bertolt Brech, dirixida a recadar fondos para o programa contra a crise da Cruz Vermella en Galicia. O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, será o encargado de presentar esta gala organizada polo Teatro Lope de Vigo en colaboración coa Asociación de Alumnos da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, o Conservatorio Superior de Música de Vigo, Lambriaca Producións e a Asociación de Usuarios de Bancos, Cajas y Seguros (Adicae). As actuacións, arredor de diferentes textos de Bertolt Brecht, darán comezo ás 20.30 horas e as entradas poderán adquirirse desde dúas horas antes no despacho de billetes do teatro a un prezo de 3 euros.

O Salón Teatro acollerá tamén a posta en escena de Bodas de sangre, de Federico García Lorca, polo grupo de teatro da Fundación Down Compostela o sábado 8 de xuño, así como doutra versión de O médico á forza, de Molière, a cargo do grupo do Hospital Psiquiátrico de Conxo. A entrada é de balde para ambas as representacións, que terán lugar ás 20.00 horas. Ademais, a Asociación de Bulimia e Anorexia de Galicia (Abagal) organiza o sábado 22 de xuño, a partir das 19.00 horas, a súa VII Gala Benéfica da Diversidade, para a que se habilitará unha fila cero xunto coa venda de localidades a un prezo único de 6 euros.

Estreas audiovisuais
O audiovisual ten unha destacada presenza nesta nova programación do espazo da Consellería de Cultura e Educación, onde se celebrarán as estreas de tres novos traballos. O xoves 23 de maio, ás 20.30 h, exhibirase Shoots from Abissinia, longametraxe documental dirixida por Ovidio Fernández e rodada no norte de Etiopía. O filme está protagonizado por Abdul, un rapaz de 15 anos que vive en Galicia, e regresa á súa terra despois de catro anos en Europa. No Salón Teatro proxectaranse, así mesmo, as curtametraxes Flores para Amalia (venres 7 de xuño, ás 21.00 h), dirixida por Nani Martos, e La carne cruda (venres 21 de xuño, ás 21.00 h), con Samuel Lema na dirección. A entrada é gratuíta nos tres casos.

O escenario compostelán colabora tamén co Festival de Cine e Televisión Camiño de Santiago, como unha das sedes de exhibición da primeira edición deste certame, que se desenvolverá do 3 ao 7 de xuño.

Teatro infantil e contemporáneo
Este novo período de programación inclúe outras catro propostas galegas de escena e de música. O venres 24 de maio ofreceranse dous pases, ás 18.30 e ás 20.30 horas, da primeira delas, O soldadiño de chumbo, espectáculo de Baobab Teatro pensado para público infantil e familiar, mentres que o sábado 1 de xuño, ás 20.30 horas, Inversa Teatro porá en escena a montaxe de teatro contemporáneo Kamouraska, coa que desenvolveron unha importante xira por Latinoamérica.

En canto á oferta musical, a Central Folque organiza o concerto que o día 25 de maio, ás 21.00 horas, reunirá sobre o escenario do Salón Teatro a Os Cempés, Comisa Bal, Coro e Combo Folque, Pedro Pascual e Guadi Galego. Por último, o cantautor Xosé Constenla actuará o venres 28 de xuño, ás 21.00 horas, acompañado de diferentes artistas convidados como peche da xira que vén desenvolvendo desde primeiros de febreiro.

Ligazóns