Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O CDG HOMENAXEA O AUTOR AO QUE SE LLE DEDICA O 17 DE MAIO RECUPERANDO PARA AS TÁBOAS UN DOS TEXTOS QUE MELLOR RESUME O SEU UNIVERSO TEATRAL

O Centro Dramático Galego leva á Coruña no Día das Letras a súa produción "Días sen gloria", a partir da obra de Roberto Vidal Bolaño

[13/05/2013] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presenta este venres, Día das Letras Galegas, no Teatro Rosalía Castro da Coruña a produción do Centro Dramático Galego (CDG) Días sen gloria, de Roberto Vidal Bolaño. A galega Fefa Noia dirixe esta adaptación dunha das obras que mellor resume o universo bolañano e que regresa aos escenarios como proposta escénica central da programación coa que a Consellería rende homenaxe ao dramaturgo compostelán, ao que se lle dedica o 17 de maio.

Días sen gloria na Coruña

Ana María Fernández, concelleira de Cultura da Coruña, e Manuel Guede Oliva, director do CDG, ofreceron hoxe os detalles da posta en escena que o público coruñés poderá gozar o venres, coincidindo coa celebración das Letras, ás 20.30 horas. Ademais, o día anterior terá lugar unha sesión matinal para centros escolares no marco da intensa campaña didáctica que a unidade de produción teatral de Cultura e Educación está a desenvolver con esta montaxe.

Días sen gloria chega así ao ecuador da xira que iniciou a primeiros de maio, tras unha estadía dun mes no Salón Teatro de Santiago. Ao finalizar este percorrido, que se estenderá ata xuño, a nova produción do CDG terá ofrecido un total de 39 funcións en once escenarios galegos e un portugués.

Elenco
Manuel Manquiña, Eva Souto, Borja Fernández, Felisa Segade e Sergio Zearreta interpretan esta nova versión do texto gañador do Premio Rafael Dieste en 1992, que Teatro do Aquí, a compañía de Vidal Bolaño, levou ás táboas hai vinte anos co propio autor no papel protagonista. Está considerada, ademais, como unha das súas obras mestras, na que se atopan algúns dos elementos recorrentes na produción teatral bolañana -a épica da derrota ou os personaxes e ambientes marxinais, entre eles- e onde tamén se reflicten as súas recoñecidas influencias cinematográficas con claros acenos ao western e ás road-movies.

Días sen gloria é a historia de dous antiheroes que comparten unha viaxe sen retorno, ambientada no Camiño de Santiago como territorio no que o paradigma amor-morte se converte en atmosfera inquietante. Ambos os dous compartirán trinta días de viaxe física e emocional, que sobre as táboas se desenvolve a través dunha trintena de escenas concentradas en pouco máis de hora e media de función, con 25 personaxes para cinco actores e 50 espazos nun mesmo escenario.

Sinopse
Manuel Manquiña, un dos actores galegos máis coñecidos, e Eva Souto, unha das novas caras da nosa escena, son El e Ela, dous personaxes anónimos e derrotados que peregrinan a Compostela na procura de cadansúa utopía. Ela é unha prostituta nova e inxenua, que pretende darlle alcance ao cabaleiro que a enganou ao non lle pagar polos servizos amatorios de dúas semanas. El é un gallofo vello, coñecedor de todos os atallos e ameazas da ruta xacobea, que accede a acompañala a cambio de cartos para acabar enfrontando xuntos un destino que xa na primeira escena se presenta como inevitable.

Sairanlles ao paso cegos, tolos, esmoleiros, prostitutas e predicadores, así como o propio cabaleiro e o seu círculo, todos eles interpretados por Borja Fernández, Felisa Segade e Sergio Zearreta. A experiencia musical destes tres intérpretes -Felisa Segade como integrante de Leilía e Brincadeira e Borja Fernández e Sergio Zearreta tanto en proxectos de teatro musical como á fronte das bandas Soy Un Árbol e Lamatumbá, respectivamente- permítelles asinar tamén o espazo sonoro do espectáculo que, máis alá dun mero acompañamento musical, recrea en directo a tradición popular a partir das cantigas que se recollen no texto e coa incorporación doutras novas.

Este importante reto escénico supón, ademais, o regreso ao teatro galego de Fefa Noia, directora compostelá afincada en Madrid e cunha intensa traxectoria profesional vinculada a Teatro de la Abadía, Centro Dramático Nacional, Compañía Nacional de Teatro Clásico, EscénaTe e á súa compañía Los Lunes, entre outras formacións. Para a súa materialización, contou coa escenografía a base de cordames móbiles de Baltasar Patiño, a iluminación de Pedro Yagüe e o vestiario de Alejandro Andújar, así como coa asistencia na dirección de Roi Vidal, fillo do autor.

Venda de entradas
A venda anticipada de entradas para a función do Día das Letras na Coruña está dispoñible na web www.servinova.com e no teléfono 902 504 500, operativo de luns a sábado de 8.00 a 22.00 h. Tamén poden adquirirse na billeteira da praza de Ourense, que abre de luns a venres -agás festivos- de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 h, e na do Teatro Rosalía o mesmo día da función, de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.00 h. O prezo das localidades sitúase entre os 6,50 e os 14 euros, con descontos para usuarios do carné xove, maiores de 65 anos e persoas en situación de desemprego.

Ligazóns