Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A ACTUACIÓN, DE ENTRADA GRATUÍTA, DARÁ COMEZO ÁS 20.30 HORAS E NELA SOARÁN OS TEMAS DO SEU ÚLTIMO TRABALLO, ‘AXUDÁDEME A CANTAR’

O Salón Teatro acolle mañá o concerto de presentación do novo disco do grupo de música tradicional Os Melidaos

[10/05/2013] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria desenvolve durante este mes no Salón Teatro unha variada carteleira de música, teatro e cinema de produción galega, no marco da que mañá sábado, ás 20.30 horas, actuará o grupo de música tradicional Os Melidaos. No concerto, de entrada libre ata completar a capacidade, soarán os temas do seu novo traballo discográfico, Axudádeme a cantar, no que por vez primeira incorporan as voces dos propios músicos.

Os Melidaos

Ademais desta novidade, este segundo disco dos "gaiteiros que cantan" -como se presentan eles mesmos- mantén o respecto polos xeitos de executar e de interpretar tradicionais, ao tempo que ofrece un repertorio compensado que inclúe os ritmos máis representativos da música galega, como foliadas, muiñeiras, pasobrobes, xotas, polcas valses e cantos de arrieiro.

Con doce anos de traxectoria, o grupo naceu en Melide da unión de sete intérpretes de diferentes xeracións e procedencias musicais co obxectivo común de poñer en valor a música tradicional como tesouro que cómpre conservar e difundir. Os Melidaos son Marcelino Vázquez Fernández, gaita; Pepe Taboada Sánchez, clarinete, gaita e voz; Pepiño Blanco López, bombo e voz; Xosé Luis Casal Lema, tamboril, pandeireta e voz; Antonio Raposo Vidal, gaita, cunchas e voz; Xele Barrio Blanco, acordeón, pandeireta e voz, e Diego González Vázquez, gaita, pandeireta e voz.

Cancioneiro tradicional
O seu repertorio nútrese de pezas do cancioneiro tradicional, dos arquivos dos coros históricos e doutras agrupacións relevantes, así como de pezas recollidas por eles mesmos como traballo de campo e doutras da súa composición, como é o caso dos pasodobres Pasando pola vila de Arzúa, de Antonio Raposo, e Pasodobre de Marcelino, de Marcelino Vázquez.

A entrada para asistir a este concerto promocional dos Melidaos é gratuíta e as localidades poden retirarse mañá no despacho de billetes do teatro, que abrirá ao público a partir das 18.30 horas.

Carteleira de maio
A programación de maio do Salón Teatro, que comezou a primeiros de mes con dez funcións da XIV Mostra de Teatro Universitario de Galicia, ofrecerá outras oito citas co teatro, a música e o audiovisual galegos. Matrioshka Teatro chegará ao espazo que xestiona o Centro Dramático Galego a partir da vindeira semana para representar tres funcións do seu espectáculo Ces’t la vie os días 19, 20 e 21.

No cartel figuran, así mesmo, o espectáculo O médico á forza que Vacalar, grupo de teatro da ONCE, porá en escena o mércores 22; a estrea do documental Shoots from Abissinia, de Ovidio Fernández, o xoves 23; a montaxe de teatro familiar O soldadiño de chumbo, de Baobab Teatro, o venres 24; un concerto especial de música tradicional organizado pola Central Folque, o sábado 25, e a gala solidaria ‘Bertolt Brecht’, o xoves 30 de maio.

Ligazóns