Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O ESPECTÁCULO REALÍZASE EN COPRODUCIÓN CO CENTRO DRAMÁTICO GALEGO

Cultura e Educación apoia a montaxe "BailadELAS" coa que Roi Vidal e Laura Ponte reviven Teatro Antroido en homenaxe a Roberto Vidal Bolaño

[19/04/2013] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria contribúe ao regreso ás táboas da compañía coa que Roberto Vidal Bolaño liderara o proceso de profesionalización teatral en Galicia, Teatro Antroido, que o 4 de maio estrea en Rianxo a montaxe BailadELAS. Mulleres bolañesas, realizada en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG).

Momento da presentación

Laura Ponte, codirectora do grupo xunto ao propio Vidal Bolaño, asume agora a interpretación desta proposta escrita por Roi Vidal, fillo do autor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras, a partir das personaxes femininas de cinco obras representativas do universo bolañano: Laudamuco, señor de ningures, Bailadela da morte ditosa, Saxo tenor, Rastros e Criaturas.

Ambos estiveron acompañados hoxe na presentación do espectáculo no Salón Teatro por Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Juan Carlos F. Fasero, director da SGAE Noroeste-Fundación Autor; Xavier Estévez, director escénico desta proposta; e Manuel Guede Oliva, director do CDG. A compañía pública inclúe esta coprodución na súa programación de 2013, dedicada en exclusiva ao dramaturgo compostelán e inserida, así mesmo, no plan de actividades que Cultura e Educación desenvolve este ano co fin de darlle visibilidade á figura e á obra de Vidal Bolaño como primeiro profesional de teatro ao que se homenaxea o 17 de maio. A montaxe conta, ademais, coa colaboración da SGAE a través da Fundación Autor.

A muller como referente
BailadELAS, que establece un xogo no seu título en referencia á obra Bailadela da morte ditosa, aborda a importancia da muller nos textos do autor na procura das liñas mestras que caracterizan as súas personaxes femininas e demostra, neste sentido, ata que punto a muller atopa no conxunto da súa creación escénica un papel en sintonía coa exaltación da dignidade e a loita pola liberdade como temáticas recorrentes do universo bolañano.

O espectáculo articúlase arredor de diferentes monólogos, presentados e ensamblados entre si por unha personaxe central -inspirada tamén noutro dos textos do dramaturgo, Sen ir máis lonxe- a través da conversa que mantén con outro personaxe mudo sobre o ben e o mal, o xusto e o inxusto. Tamén o resto das mulleres desta montaxe achéganlle ao espectador un amplo abano de liñas argumentais moi presentes na obra de Roberto Vidal Bolaño: o poder liberador da revolución diante do servilismo, a xente sen esperanza, a afouteza e a incredulidade ante metas utópicas, o amor e o desamor, a soidade non elixida ou a crítica retranqueira, entre outras.

Funcións
Tras a súa estrea no Auditorio Municipal de Rianxo, BailadELAS iniciará unha ampla xira galega para a que xa están confirmadas funcións nunha decena de localidades: Narón (Pazo da Cultura, 9 de maio), Ponteareas (Auditorio Municipal Reveriano Soutullo, 12 de maio), Ourense (Auditorio Municipal, 16 de maio), Santiago de Compostela (Teatro Principal, 13 e 14 de maio para escolares e 18 e 19 de maio para público xeral), Vilagarcía de Arousa (Auditorio Municipal, 15 de maio), Ames (Casa da Cultura do Milladoiro, 24 de maio), Brión (Centro Social Polivalente, 25 de maio), Betanzos (Aula Municipal de Cultura, 26 de maio), Lalín (Salón Teatro, 31 de maio) e Redondela (Multiusos da Xunqueira, 9 de xuño).

Xa a finais de ano, o espectáculo poderá verse no Salón Teatro de Santiago (19, 20 e 21 de decembro) na recta final da programación que o Centro Dramático Galego dedica a Roberto Vidal Bolaño e durante a que tamén se exhibirá a nova montaxe de Criaturas, a cargo de Teatro do Aquí e en coprodución coa compañía institucional da Xunta de Galicia.

Historia do teatro profesional galego
Roberto Vidal Bolaño e Xaquín García Marcos crearon en 1974 Teatro Antroido como grupo non profesional, ao que axiña se uniría a actriz Laura Ponte. Con esta compañía, o autor compostelán e a intérprete de moitas das súas primeiras obras darán o paso cara á profesionalización e protagonizarán un dos fitos na historia recente da escena galega: a estrea o 16 de maio de 1978 de Laudamuco, señor de ningures, que sinala o inicio do teatro profesional en Galicia.

A compañía estendeu a súa traxectoria ata mediados dos anos oitenta e levou a escena unha decena de títulos escritos por Vidal Bolaño, como Memoria de mortos e ausentes, Bailadela da morte ditosa, Touporroutou da lúa e do sol ou Caprice des dieux, ademais de poñer en marcha a cooperativa Teatro do Estaribel xunto a Teatro Andrómena.

Documentación