Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O ESPECTÁCULO CONTA CON DIRECCIÓN DE ESCENA DE EVARISTO CALVO

A Consellería de Cultura e Educación respalda a estrea, mañá en Narón, de "Criaturas", de Roberto Vidal Bolaño, a cargo de Teatro de Aquí

[18/04/2013] A compañía Teatro do Aquí estrea mañá en Narón Criaturas, o emblemático texto de Roberto Vidal Bolaño que volve aos escenarios a cargo de Teatro do Aquí e co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través dun réxime de coprodución co Centro Dramático Galego (CDG).

Detalle do cartel de 1999

Evaristo Calvo, un dos actores habituais nos elencos de Vidal Bolaño, asumiu a dirección escénica deste Criaturas de 2013, como homenaxe no ano no que se lle dedica o Día das Letras Galegas ao dramaturgo compostelán. A reposición do espectáculo que se representara con grande éxito en 1999, conta catorce anos despois cunha formación actoral integrada por algúns intérpretes que xa participaran naquela primeira posta en escena, como é o caso de Belén Constenla e Xoán Carlos Mejuto, aos que se suman agora Marcos Orsi e Vicente de Souza.

A iniciativa, que se enmarca nas actividades que a Xunta de Galicia promove para a divulgación da figura e da obra do autor do Día das Letras Galegas 2013, supón ademais o reencontro co público desde 2006 de Teatro do Aquí, a compañía na que Vidal Bolaño desenvolveu a última etapa da súa fecunda traxectoria profesional.

Criaturas estará os días 19 e 20 de abril no Pazo da Cultura de Narón con dúas funcións ás 20:30 horas. Comezará despois unha xira que chegará inicialmente a sete localidades galegas: Oleiros (26 e 27 de abril), Muros (3 e 4 de maio), Vilagarcía (10 de maio), Santiago de Compostela (do 15 ao 17 de maio), Brión (18 de maio), Illa de Arousa (24 de maio) e Teo (25 de maio). Ademais, e dentro do marco de acción establecido co CDG, o Salón Teatro exhibirá Criaturas do 12 ao 15 de decembro como homenaxe de peche ao Ano Vidal Bolaño.

Criaturas bolañanas
En Criaturas, peza distinguida co Premio Eixo Atlántico 1999, co Premio María Casares 2000 ao mellor texto orixinal e co Premio Max para textos teatrais en galego en 2001, Roberto Vidal Bolaño indaga e pon de manifesto o que a razón ou a civilización pode ter producido de monstruoso nas persoas ou no que nas rodea. Así, a través de personaxes anónimos e cotiáns, perfílanse criaturas que veñen tiradas da observación da propia realidade e como pretexto para poñer ao descuberto trazos insospeitados a partir da súa aparente normalidade.

Vidal Bolaño válese do mito de Frankestein como recurso dramático, cando o monstro, antes de se illar definitivamente da civilización, achégase ao noso presente para observalo por derradeira ocasión, nunha viaxe feita dende o humor, a ironía e o sarcasmo.

Teatro do Aquí, compañía coa que puxo en escena o máis poderoso da súa produción dramática e coa que, ata o ano da súa morte, en 2002, se dedicou con plenitude ao campo teatral, non só como dramaturgo, senón tamén como director, actor, iluminador ou escenógrafo.

Desta época son as montaxes Saxo Tenor (1993), Días sen gloria (1993), A ópera de a patacón (1994), Touporroutou da lúa e do sol (1994), O desengano do prioiro (de Ramón Otero Pedrayo, 1995), Anxeliños (1996), Rastros (1997), Doentes (1998), Sen ir máis lonxe (1999), Criaturas (1999) ou Os papalagui (2000), entre outras. En 2002 Teatro do Aquí presenta Animaliños, o derradeiro traballo dramático de Vidal Bolaño, no que el mesmo achega o texto, a dirección, o espazo escénico e a iluminación.

A pesar da morte do seu fundador, a compañía mantense activa ata o ano 2006 estreando os espectáculos O cabodano (de Euloxio R. Ruibal, 2002), Camiño longo (de Luís Rei, 2004), Farois vermellos (de Martín Descalzo, 2003) e de novo A ópera de a patacón, de Roberto Vidal Bolaño, en 2005.

Documentación