Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

APOIA A DISTRIBUCIÓN DA PROPOSTA QUE A COMPAÑÍA CORDELIA DO CAMPUS OURENSÁN ESTREA MAÑÁ NO TEATRO PRINCIPAL DA SÚA CIDADE DENTRO DA XVIII MITEU

O CDG colabora coa Aula de Teatro Universitaria de Ourense na posta en escena do espectáculo "Vidal Bolaño 2013"

[12/04/2013] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través do Centro Dramático Galego (CDG), apoia a compañía Cordelia da Aula de Teatro Universitaria de Ourense na posta en escena e distribución de Vidal Bolaño 2013, espectáculo no que se combinan pasaxes de diferentes obras do dramaturgo como Saxo Tenor, Rastros, Animaliños e Anxeliños.

Detalle do cartaz de Miteu

Esta montaxe, que se estrea mañá sábado ás 23.00 horas no Teatro Principal de Ourense dentro da décimo oitava edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu), forma parte tamén da programación de 2013 do CDG, dedicada en exclusiva ao autor compostelán como primeiro profesional do teatro que protagoniza o Día das Letras Galegas.

No marco das súas iniciativas para este ano, a compañía pública está a desenvolver unha liña de apoio directo ás aulas de teatro das tres universidades galegas para a distribución das súas respectivas propostas escénicas arredor da obra de Roberto Vidal Bolaño: Animaliños pola Compañía de Teatro da USC-Lugo e A burla do galo pola Aula de Teatro da UDC. TeatroNORMAL, ademais desta proposta de Cordelia. En concreto, o Centro Dramático Galego colabora na mobilidade destes espectáculos polas mostras e festivais de teatro universitario de Galicia, así como na cesión de atrezzo e material escenográfico.

Mosaico emocional
Na presentación do espectáculo que se estrea mañá na Miteu, a compañía da Aula de Teatro Universitaria de Ourense explica que, a través da combinación escénica de diferentes pezas de Vidal Bolaño, buscan "compoñer un mosaico emocional excitante" que constitúa, ao tempo, "unha homenaxe coral e sentida á xenialidade de Roberto e ao seu pensamento".

Para este fin, as súas directoras contan cun elenco de 11 estudantes-intérpretes, para os que esta é a súa primeira experiencia sobre as táboas e supón, ademais, unha ocasión única para indagar sobre o traballo actoral e sobre a complexidade da construción dos personaxes. Pilar Rodríguez, Carmen Goyanes, Galicia Gutiérrez "Gali", Rubén Fernández, Eva Tato, Marielvi Martínez, Laura Lozano, Sonia Fernández, David Bobillo, Teresa Fernández e Sabrina Horrisberger compoñen o elenco de Vidal Bolaño 2013, que conta co deseño de iluminación de José Manuel Bayón, música de Rubén Dobaño e Fernando Dacosta, espazo escénico e son de Elena Seijo e Fina Calleja, e vestiario de Sarabela Teatro.

Xira por festivais universitarios
As entradas para asistir á estrea de mañá están á venda, a un prezo especial de 2 euros, no despacho de billetes do Teatro Principal, que abre hoxe e mañá de 11.00 a 13.30 horas e desde unha hora antes do comezo da función. A continuación, Cordelia representará Vidal Bolaño 2013 o martes 16 de abril no Fórum Metropolitano coruñés dentro do XX Festival Internacional de Teatro Universitario da Coruña (Fiteuc) e o luns 29 de abril no Salón Teatro de Santiago como parte do cartel da XIV Mostra de Teatro Universitario de Galicia (Motug).

Ao tempo, as outras dúas montaxes universitarias apoiadas polo CDG avanzan nas súas respectivas xiras: Animaliños, estreada o 12 de marzo no XIX Festival Internacional de Teatro Universitario (FITU) de Lugo e representada xa na Miteu de Vigo e no Fiteuc da Coruña, poderá verse o vindeiro 25 de abril no Auditorio Municipal de Ourense dentro da Miteu e o 5 de maio no compostelán Salón Teatro na Motug. Pola súa banda, e trala estrea do pasado mércores no festival coruñés, A burla do galo escenificarase o 16 de abril no Auditorio Municipal vigués, o 24 de abril no Teatro Principal de Ourense e o 2 de maio no Salón Teatro de Santiago no marco das mostras universitarias que se están a desenvolver nestas cidades.

Ligazóns