Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O CONSELLEIRO DE CULTURA E EDUCACIÓN ASISTE AO EVENTO NUN SALÓN TEATRO CON CHEO ABSOLUTO

O Centro Dramático Galego reúne a familia e amigos de Roberto Vidal Bolaño na estrea de ''Días sen gloria''

[05/04/2013] O Centro Dramático Galego (CDG) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria congregou esta noite no Salón Teatro de Santiago a familia, amigos e compañeiros de Roberto Vidal Bolaño na estrea da produción Días sen gloria, baixo a dirección de Fefa Noia, como homenaxe escénica ao autor ao que se lle dedica o Día das Letras. O conselleiro Xesús Vázquez Abad asistiu a esta primeira función do espectáculo, que contou coa presenza de numerosas personalidades do ámbito institucional, académico e cultural galego.

Imaxe da representación

Xunto con Vázquez Abad, a Consellería de Cultura e Educación estivo tamén representada na sede do CDG polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; e a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño.

Cheo absoluto
Sen localidades dispoñibles para esta estrea desde hai días, a compañía pública presentou a que é a proposta central da súa programación de 2013, dedicada en exclusiva ao dramaturgo compostelán. Nesta nova versión da que está considerada como unha das obras mestras de Vidal Bolaño, Manuel Manquiña asume o papel protagonista -que o propio autor interpretara en 1993 para a súa compañía Teatro do Aquí-, compartindo escenario con Eva Souto, Borja Fernández, Felisa Segade e Sergio Zearreta.

Días sen gloria é a historia dunha viaxe sen volta, ambientada no Camiño de Santiago como territorio no que o paradigma amor-morte se converte en atmosfera inquietante. A ruta é aquí a compañeira inseparable e transformadora de quen peregrina disposto a arriscalo todo, na procura de enfrontar un destino que desde a primeira escena se presenta como inevitable.

O espectáculo ofrecerá outras dúas funcións esta fin de semana -sábado ás 20.30 horas e domingo ás 18.00 h- no Salón Teatro, onde permanecerá ata o 28 de abril con representacións para público xeral de venres a domingo e para escolares os mércores e xoves. A continuación, iniciará unha xira durante a que se exhibirá noutras 12 localidades galegas e portuguesas.

A venda de entradas está dispoñibles a través da web entradas.novagaliciabanco.es ou do teléfono 902 43 44 43, así como no despacho de billetes do teatro, que permanece aberto todos os días de función desde dúas horas antes do seu comezo. Mantéñense os prezos habituais de 10 euros para as localidades xerais (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xove e desempregados), e de 5 euros para o domingo, día do espectador.