Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A ESTREA DA OBRA DE VIDAL BOLAÑO BAIXO A DIRECCIÓN DE FEFA NOIA SERÁ O 5 DE ABRIL

O Centro Dramático Galego de Cultura e Educación desenvolve no Salón Teatro os últimos ensaios de "Días sen gloria"

[14/03/2013] O Centro Dramático Galego (CDG) comezou a desenvolver esta semana no Salón Teatro de Santiago a última fase de ensaios do seu novo espectáculo, Días sen gloria, versión da obra de Roberto Vidal Bolaño que a compañía da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria estreará o 5 de abril como unha das principais propostas da programación que dedica ao autor homenaxeado este ano co Día das Letras.

Detalle do cartel

Con Fefa Noia na dirección de escena, o equipo artístico do espectáculo está xa instalado na sede do CDG despois dun mes de traballo na nave de servizos técnicos da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). O Salón Teatro, onde o espectáculo permanecerá en cartel ata o 28 de abril, acolle nestes momentos os procesos de implantación da escenografía ideada por Baltasar Patiño e do deseño de iluminación que asina Pedro Yagüe.

Ao tempo, avanzan os ensaios do elenco interpretativo, con cinco actores -Manuel Manquiña, Eva Souto, Sergio Zearreta, Felisa Segade e Borja Fernández- a cargo de máis de trinta personaxes, así como a realización doutros tantos traxes que compoñen o vestiario que deseñou Alejandro Andújar. Roi Vidal na asistencia á dirección e todo o equipo técnico do CDG completan a estrutura de traballo que está a ultimar a próxima estrea da compañía pública.

Campaña escolar
Como é habitual durante a exhibición dos seus espectáculos en Santiago de Compostela, o Centro Dramático desenvolverá tamén unha campaña escolar ofrecendo un par de funcións escolares á semana, para as que xa está confirmada a asistencia dunha decena de institutos e permanece aberto o período de reserva.

A través destas representacións e do traballo en clase a partir da unidade didáctica que está a preparar a o CDG, os alumnos terán a oportunidade de se achegar a unha das obras enmarcadas na madurez creativa de Vidal Bolaño, pola que o dramaturgo compostelán obtivo o Premio Rafael Dieste en 1992 e que el mesmo protagonizou ao ano seguinte para a súa compañía Teatro do Aquí baixo a dirección de Quico Cadaval.

A modo de conto ou de fábula, en Días sen gloria o Camiño de Santiago é o fío condutor para unha historia arredor da procura do amor como temática universal e na que o dramaturgo desenvolve o seu característico universo teatral, habitado por personaxes fronteirizos que se moven entre a marxinalidade e a rebeldía.

Documentación