[09/02/2007] O Salón Teatro de Santiago de Compostela, espazo de exhibición escénica que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG), acolle esta fin de semana (sábado 10 ás 20:30 h e domingo 11 ás 18:00 h.) a estrea en castelán da obra Last chance (Última oportunidade), unha coprodución do Teatre Lliure co Centre d’Arts Escèniques de Reus–CAER. Trátase dunha nova proposta da dramaturga e directora Carol López que conta con Dolo Beltrán, cantante do grupo Pastora, Paul Berrondo e Andrés Herrera no elenco.
Concibida como unha obra de creación en que os diálogos se elaboraron a partir das improvisacións traballadas cos actores, a peza aborda o tema da corrupción a través de tres historias moi distintas, de diferentes xéneros, que se entrelazan alternativamente, para dar lugar a unha trama final que deparará moitas sorpresas.
Tralo éxito da súa anterior montaxe, V.O.S, Carol López preguntouse un bo día se todos poderiamos ser corruptos e, tomando esta idea como eixo central, creou esta comedia agridoce que rende homenaxe ao filme Jackie Brown de Quentin Tarantino. Last canche tamén está inspirada en La noche del oráculo de Paul Auster, así como en filmes de cine negro. O espectáculo confronta dous mundos, un máis marxinal que o outro, que se plasman en tres espazos diferenciados: un bar con toques de cabaret chamado Last chance, un descampado e unha casa.
TRES ACTORES PARA SETE PERSONAXES
Dolo Beltrán, Paul Berrondo e Andrés Herrera son os tres actores que dan vida aos sete personaxes de Last chance. Dolo Beltrán, actriz, cantante e letrista, compuxo ademais para este espectáculo o tema titulado Tres calles. Beltrán debutou no teatro en 1994 con Federic Roda, e un ano despois inicia a súa carreira de cantante como solista de La Tribu No ano 2002 consolídase co grupo de pop electrónico Pastora, que se deu a coñecer coa exitosa canción Lola.
Paul Berrondo fixo teatro, cine, publicidade e televisión. Nos últimos anos destaca a súa participación nas series Laberint d’hombres, Hospital Central, Jet Lag e Cuéntame... como pasó, e nos filmes El beso del oso de Sergeiv Bodrov (2001), Jugar a matar de Isidro Ortiz (2002) e El perfume de Tom Tykver (2005). Finalmente, Andrés Ferreira participou en diferentes series de televisión (Los hombres de Paco, Dinamita, Rapados, Art Heist...) e traballou en varias películas e obras de teatro.
Licenciada en Dramaturxia e Dirección Escénica polo Instituto de Teatro de Barcelona, Carol López iníciase no mundo do teatro en 1997 cunha escena de Antígona, una comedia, dentro do ciclo Novísimos Autores da Sala Beckett. Ao ano seguinte obtén o Premio María Teresa León con Susie, que montará en 1999. En 2003 dirixe La Senyoreta Júlia, de August Strindberg e firma a dramaturxia e a dirección de No pido nada excepto tiempo soleado, sobre poemas de Raymond Carver. En 2004 presenta Una història en 4 parts e dirixe Esthetic Paradise, de Victòria Szpunberg. A temporada pasada vén de estrenar no Espazo Lliure V.O.S. (versión orixinal subtitulada), un espectáculo que recibiu un amplo recoñecemento do público e da crítica.
As representacións de Last Chance celebraranse mañá sábado, ás 20.30 horas, e o domingo, ás 18.00 horas. As entradas poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. O prezo das localidades é de 10 € para o sábado (cun desconto do 40% para estudantes, maiores de 65 anos e posuidores do carné xoven) e de 5 € para o domingo, día do espectador.