Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

DIRIXIDA POR PALOMA LUGILDE, A PRIMEIRA FUNCIÓN TERÁ LUGAR O DOMINGO DÍA 3 NO AUDITORIO GUSTAVO FREIRE DE LUGO

Cultura e Educación apoia a través do CDG a estrea de "Animaliños" pola Compañía de Teatro da USC-Lugo

[27/02/2013] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora coa Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela-Compañía de Teatro do Campus de Lugo na posta en escena da súa adaptación libre de Animaliños, de Roberto Vidal Bolaño, no marco da programación especial que o Centro Dramático Galego (CDG) dedica este ano 2013 ao autor homenaxeado no Día das Letras.

Detalle do cartel

O Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo acolle o domingo 3 de marzo ás 20.30 horas a preestrea desta versión, asinada e dirixida por Paloma Lugilde, que se insire dentro da liña de apoio do CDG ás aulas de teatro das tres universidades galegas para a produción e distribución das súas respectivas propostas escénicas arredor da obra de Vidal Bolaño. En concreto, a compañía da Consellería de Cultura e Educación colabora na mobilidade destes espectáculos polas mostras e festivais de teatro universitario de Galicia, así como na cesión de atrezzo e material escenográfico.

A vida na periferia
Un total de 12 actores e actrices da compañía do campus lucense -Uxía Aguiar, Diego Ares, Lili Claro, Natalia Fernández, Moncho Ferreira, Mónica Folgueira, Guillermo Guada, Aline Marcimiano, Bea Miranda, Rubén Pérez, Roberto Rivas e Raquel Velasco- conforman o elenco deste traballo escénico sobre Animaliños, un texto que aborda o microcosmos das urbanizacións de chalés acaroados que ocuparon a periferia das cidades galegas desde finais dos anos noventa. Aquí a historia comeza cando unha praga de caracois altera a pracenteira vida na urbanización e os seus habitantes unen forzas na procura de fórmulas para se enfrontar aos pequenos invasores.

Xunto con Paloma Lugilde, quen asina tamén o deseño do espazo escénico co asesoramento de Manuel Zenitram, traballa un equipo artístico no que figuran, entre outros nomes, Carlos Díaz como autor das adaptacións e creacións musicais e Rubén Pérez Pombo na asistencia de dirección e produción.

Funcións no XIX Festival Internacional de Teatro Universitario
Esta montaxe será a encargada de abrir e pechar a programación do XIX Festival de Internacional Teatro Universitario que a USC desenvolve no campus de Lugo. Así, e trala preestrea deste domingo, Animaliños regresará ao Gustavo Freire o 12 de marzo para ofrecer unha dobre función de estrea (ás 18.30 e ás 21.00 horas).

O acceso para estas tres funcións será libre ata completar o aforo próximo ao centenar de espectadores dispoñible para cada un dos pases e previa retirada da entrada no despacho de billetes do auditorio, que no caso da representación deste domingo estará aberta a partir das 19.00 horas.

Animaliños iniciará a continuación unha xira galega durante a que visitará Vigo (20 de marzo), A Coruña (21 de marzo), Ourense (25 de abril) e Santiago de Compostela (5 de maio), para a que contará coa participación do Grupo de Intervención da USC-Lugo.

Ademais, o 11 de marzo a Compañía de Teatro da USC-Lugo e a Aula de Teatro da Universidade da Coruña-Compañía Teatro Normal protagonizarán unha sesión especial dedicada á figura de Vidal Bolaño durante a que, a modo de ensaio aberto, intercambiarán experiencias sobre as súas propostas bolañanas e na que intervirá, así mesmo, o profesor Xosé Manuel Fernández Castro, autor do estudo A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño.

Nesta colaboración co ámbito universitario, o Centro Dramático Galego apoia igualmente a realización doutros dous traballos escénicos arredor das obras de Vidal Bolaño que tamén verán a luz esta primavera: A burla do galo, pola Aula de Teatro da Universidade da Coruña dirixida por Rubén Ruibal; e RVB 2013, espectáculo que montará a Aula de Teatro Universitario de Ourense-Compañía de Teatro Cordelia da Universidade de Vigo con dirección e dramaturxia de Elena Seijo e Fina Calleja.

Documentación