Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A UNIDADE DE DANZA DA XUNTA OFRECEU UN TOTAL DE 12 FUNCIÓNS EN SETE ESCENARIOS GALEGOS NUNHA PRIMEIRA QUENDA DE REPRESENTACIÓNS DA SÚA VERSIÓN DO CLÁSICO DE TCHAIKOVSKI E PETIPA

A xira do "Quebranoces" do Centro Coreográfico Galego congregou xa máis de 13.400 espectadores

[25/02/2013] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reuniu máis de 13.400 espectadores durante a xira que o Centro Coreográfico Galego (CCG) desenvolveu entre os meses de decembro e febreiro coa súa versión do ballet clásico Quebranoces, da que ofreceu un total de 12 funcións en sete escenarios de toda Galicia.

O Quebranoces

Nesta primeira quenda de representacións da célebre obra Tchaikovski e Petipa, a unidade de danza da Xunta de Galicia colaborou cun total de 13 conservatorios e escolas de danza, de xeito que os seus alumnos -máis de 360 rapaces e rapazas con idades comprendidas entres os 6 e os 17 anos- tiveron a oportunidade de participar no espectáculo como integrantes do corpo de baile que encabezan os bailaríns do Centro Coreográfico Galego Ástrid Molinero, Ariel A. Caramés, Miguel A. Ponte, Ailen Ramos e María Amparo Alemany.

Cheos absolutos
O Quebranoces contou, ademais, coa música en directo da Orquestra Sinfónica de Galicia e da Filharmónica Cidade de Pontevedra e o Coro Infantil do Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga nas súa respectivas presentacións na Coruña e Pontevedra, en ambos casos co aforo completo en todos os pases do espectáculo.

Especialmente significativo foi o caso do Pazo da Ópera coruñés, onde o CCG maila Sinfónica ofreceron unha versión especial en formato didáctico, coa que conseguiron cheos absolutos nas seis funcións ofrecidas -cinco delas concertadas con centros escolares e unha para público familiar- e sumaron máis de 10.000 espectadores.

Proceso aberto
Estreado o pasado 22 de decembro en Vilagarcía, o Quebranoces chegou aos escenarios galegos como culminación dun longo proceso aberto e participativo que dera comezo un ano antes coas audicións aos alumnos dos conservatorios e os centros de danza colaboradores. De feito e máis alá da súa exhibición pública, esta proposta ten como prioridade impulsar unha liña de traballo común entre o Centro Coreográfico e as escolas galegas de danza co obxectivo de captar novos espectadores para esta disciplina artística, así como de incentivar a motivación de estudantes e profesores mediante a súa implicación directa no desenvolvemento dunha produción coreográfica a nivel profesional.

O Quebranoces, que ten previsto continuar o seu percorrido polos escenarios galegos durante este ano 2013, é ademais a primeira produción de danza clásica acometida pola compañía pública desde a súa creación hai seis anos. Nela, o CCG ofrece unha versión que respecta rigorosamente os canons interpretativos da composición e coreografía orixinais, ao tempo que introduce símbolos e trazos do imaxinario popular galego tanto na escenografía, que recrea as galerías brancas da Mariña coruñesa, como no vestiario, inspirado nas míticas figuras de Sargadelos e nalgúns dos máis famosos personaxes do Entroido ourensán.

Ligazóns