Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

AS REPRESENTACIÓNS DESTA CREACIÓN COLECTIVA, A PARTIR DA OBRA ‘NOITE DE REIS’ DE SHAKESPEARE, TERÁN LUGAR O VENRES E O SÁBADO ÁS 20.30 HORAS E O DOMINGO ÁS 18.00

O Salón Teatro de Cultura e Educación ofrece esta fin de semana tres funcións da comedia "Iliria" de Elefante Elegante

[20/02/2013] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa a desenvolver no Salón Teatro de Santiago unha programación integramente dedicada á escena galega, no marco da que a compañía Elefante Elegante representará esta fin de semana o espectáculo Iliria, a súa particular revisión da obra Noite de reis de William Shakespeare.

Iliria

Fredi Muíño, Iria Pinheiro, María Torres e Gonçalo Guerreiro asinan e interpretan esta creación colectiva arredor da facilidade coa que amamos e deixamos de amar. Iliria fala, así mesmo, da identidade masculina e feminina, cuestionándose o que realmente somos e o que parecemos. De feito, nesta peza os personaxes enmaráñanse nunha tea de cambios de personalidade que os leva a poñer en cuestión a súa propia identidade.

Sinopse
Os enredos comezan cando dous irmáns xemelgos, Violeta e Sebastián, naufragan na costa da illa de Iliria, territorio gobernado polo duque Orsino quen, á súa vez, sofre polo amor non correspondido da bela Olivia. Para poder sobrevivir nun país estranxeiro, Violeta vese obrigada a se disfrazar de home e entra a servir na corte de Orsino. Pero Sebastián tamén se salvou do naufraxio e, sen saber un do feliz destino do outro, acaban por crear toda serie de equívocos amorosos.

A venda anticipada de entradas para as funcións de Iliria no Salón Teatro está xa dispoñible a través da billeteira electrónica da web de Novagalicia Banco (http://entradas.novagaliciabanco.es). Tamén poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro, que estará aberto ao público desde dúas horas antes do comezo de cada unha das representacións.

O prezo das localidades é de 10 euros para o venres e o sábado (cun desconto do 40% para xubilados, usuarios do carné xoven, estudantes, persoas en situación de desemprego e determinados colectivos profesionais) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.

Ligazóns