Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

TODAS AS SESIÓNS DAN COMEZO ÁS 19.00 HORAS E A ENTRADA É LIBRE ATA COMPLETAR A CAPACIDADE

"Laudamuco" e "Saxo Tenor" centran esta semana o ciclo audiovisual "Vidal Bolaño recuperado" que o CDG organiza no Salón Teatro

[12/02/2013] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece esta semana no Salón Teatro de Santiago dúas novas citas audiovisuais do ciclo Vidal Bolaño recuperado, que dedicará a sesión de mañá mércores 13 á análise de Laudamuco, señor de ningures a partir da súa posta en escena polo Centro Dramático Galego en 2003 (na imaxe), mentres que a do xoves 14 se centrará no espectáculo Saxo Tenor, que o propio Roberto Vidal Bolaño dirixira para a súa compañía Teatro do Aquí en 1993.

Laudamuco, señor de ningures

Como na semana anterior, o profesor Xosé Manuel Fernández Castro será o encargado de conducir a primeira destas dúas citas, para a que nesta ocasión contará coa achega de Antonio Simón como director escénico de Laudamuco. César Cambeiro, Elena Atienza e Rodrigo Roel foron os intérpretes da nova montaxe desta obra, que Vidal Bolaño puxera en escena con Teatro Antroido e que o CDG recuperou para conformar, xunto a O velorio de Francisco Taxes, a produción Daquel Abrente coa que contribuíu á celebración do vixésimo quinto aniversario do teatro profesional galego.

Este espectáculo conmemorativo reunía pois os dous textos que -coa súa primeira representación en primavera de 1978- sinalan o inicio da máis relevante etapa da escena galega e, en consecuencia, deixan constancia do papel pioneiro desempeñado por Vidal Bolaño na historia recente do noso teatro.

Ambiciosa produción privada
O xoves será a quenda de Saxo Tenor, ambiciosa proposta que Teatro do Aquí estreou a primeiros de 1993 baixo o subtítulo Desgracia arrabaldeira improbable entre: loucos, chourizos, gangsters, chulos, currantes e putas. Para levar ás táboas a obra pola que recibiu o Premio Álvaro Cunqueiro en 1991, o dramaturgo e director compostelán contou cun elenco de 16 actores e actrices, todos eles destacado nomes do panorama escénico galego: Xosé M. Olveira "Pico", Elina Luaces, Gonzalo M. Uriarte, Laura Ponte, Susana Dans, Antonio F. Simón, Antonio Durán "Morris", Xaquín G. Marcos, María Bouzas, Rodrigo Roel, Vicente Montoto, César Goldi, Marcelino de Santiago "Kukas", Luís Zahera, Pilar Pereira e Bernardo Martínez.

A análise deste espectáculo correrá a cargo da escritora, crítica teatral e profesora da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia Inma López Silva, quen se apoiará para tal fin no material audiovisual cedido polo Centro de Documentación Teatral do INAEM (Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música).

Entrada libre
Vidal Bolaño recuperado: citas audiovisuais desenvolverase en dúas quendas, a primeira delas durante este mes de febreiro e a segunda en novembro, para ofrecer un total de 12 sesións arredor doutras tantas pezas teatrais escritas e/ou dirixidas polo autor compostelán. En todos os casos, as sesións dan comezo ás 19.00 horas e a entrada é libre ata completar a capacidade do Salón Teatro.

A través dos fragmentos de vídeo comentados polos especialistas e a posterior participación do público, o CDG busca ofrecer unha nova plataforma para afondar na divulgación da dramaturxia e o oficio escénico da que é unha das figuras claves na historia do teatro profesional galego.

Documentación