[08/02/2013] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza a xira do Centro Coreográfico Galego (CCG) coa súa versión do famoso ballet Quebranoces, de Tchaikovski e Petipa, que o vindeiro sábado 16 de febreiro ás 21.00 horas será representado no Auditorio Municipal de Cangas en colaboración coa Escola de Danza Maite Quiñones desta localidade.
Mercedes Suárez, directora do CCG e responsable artística desta produción, detallou as claves do proceso de produción e as características do espectáculo no acto de presentación celebrado hoxe en Cangas, no que interviñeron así mesmo José Luis Gestido, concelleiro de Cultura; Juan José Pérez, director do Auditorio Municipal, e Maite Quiñones, directora da escola de danza que leva o seu nome.
En concreto, para esta nova función do Quebranoces -a duodécima desde a súa estrea o pasado mes de decembro en Vilagarcía- foron seleccionados 45 alumnos e alumnas da escola canguesa con idades comprendidas entre os 7 e os 17 anos. Todos eles acompañarán en escena ao elenco do Centro Coreográfico: Ástrid Molinero, Ariel A. Caramés, Miguel A. Ponte, Ailen Ramos e María Amparo Alemany. Estes cinco bailaríns profesionais darán vida os case que 20 personaxes do ballet, con pezas tan coñecidas como a Danza rusa, o Vals das flores ou a Danza da Fada de Azucre, mentres que os alumnos de Maite Quiñones interpretarán os anxos, os ratos, os soldados e os nenos do Petit Galop, entre outros personaxes.
Primeira produción clásica do CCG
Mercedes Suárez encargouse da dirección escénica e da coordinación desta primeira produción de ballet clásico da unidade de danza da Xunta de Galicia, que en cada un dos seis escenarios que visitou ata o momento contou coa implicación directa de diferentes escolas de danza de toda Galicia.
Así, coa posta en escena deste célebre conto de fadas, a compañía pública culmina un longo proceso aberto e participativo que deu comezo hai un ano coas audicións aos alumnos e alumnas dunha vintena de centros. De feito, xunto co equipo artístico e técnico do CCG, máis de 500 persoas están implicadas nesta produción, para a que se realizaron diferente grupos e quendas cara á intervención dos estudantes elixidos nas funcións que se celebran nas localidades máis próximas ás súas de orixe.
Neste equipo destacan tamén as achegas profesionais de nomes como María Villas, responsable dos deseños de escenografía e vestiario; Martín Camiña, autor dos efectos de maxia; e Roberto Collantes e Isi Seoane na construción dos bonecos, entre outros.
Para o Centro Coreográfico Galego, este Quebranoces supón, pois, un reto que vai máis alá da exhibición pública dos seus espectáculos. O obxectivo é impulsar unha liña de colaboración directa coas escolas de danza co obxectivo de captar novos espectadores, así como de incentivar a motivación dos estudantes desta disciplina artística mediante a súa implicación directa no desenvolvemento dunha produción coreográfica a nivel profesional.
Adaptación rigorosa desde o imaxinario galego
A versión da unidade de danza da Consellería de Cultura e Educación respecta rigorosamente os canons interpretativos da composición e coreografía orixinais do célebre ballet, no que Tchaikovski puxo música á adaptación asinada por Alexandre Dumas a partir do conto O Quebranoces e o rei dos ratos de Hoffmann.
Porén, nesta posta en escena o espectador recoñecerá símbolos e trazos do imaxinario popular galego. Así, entre outros elementos, destaca unha escenografía que recrea as galerías brancas da Mariña coruñesa, o vestiario inspirado nas míticas figuras de Sargadelos e a indumentaria do exército de soldados que recorda algúns dos máis famosos personaxes do Entroido ourensán.
Venda de entradas
A venda anticipada para a representación do Quebranoces o sábado 16 en Cangas está xa dispoñible a través da web www.servinova.com, mentres que o día da función estarán a venda no despacho de billetes do Auditorio Municipal entre as 19.00 e as 21.00 horas. O prezo por localidade sitúase vai dos 6 aos 8 euros, máis gastos de xestión.