Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A REPRESENTACIÓN TERÁ LUGAR ÁS 12.00 H NO PAZO DA ÓPERA, ONDE DESDE ONTE SE ESTÁN A DESENVOLVER PASES PARA CENTROS ESCOLARES AOS QUE ASISTIRÁN MÁIS DE 7.000 ESTUDANTES DA COMARCA

O Centro Coreográfico Galego e a Orquestra Sinfónica de Galicia ofrecen este sábado na Coruña unha función para público familiar do ballet 'Quebranoces'

[07/02/2013] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora coa Orquestra Sinfónica de Galicia na posta en escena na Coruña do ballet Quebranoces do Centro Coreográfico Galego (CCG) que, tralos pases para escolares que está a desenvolver desde onte, culminará a súa estadía no Pazo da Ópera cunha función para público familiar o sábado 8 ás 12.00 horas.

Quebranoces

A directora do CCG, Mercedes Suárez, encargouse da coordinación e dirección escénica desta produción, a primeira de ballet clásico nos seis anos de historia da unidade de danza da Xunta de Galicia, que na Coruña se presenta baixo un formato didáctico. Trátase pois dunha versión especial da que, ademais da representación do sábado, se ofrecerán ata mañá outras cinco concertadas con 76 centros educativos da comarca coruñesa ás que asistirán máis de 7.000 escolares.

Proposta didáctica
Xunto cos bailaríns profesionais do Centro Coreográfico Galego -Ástrid Molinero, Ariel A. Caramés, Miguel A. Ponte, Ailen Ramos e María Amparo Alemany- e os músicos da Sinfónica de Galicia, con Jonathan Webb á batuta, cóntase co actor Xoán Carlos Mejuto no papel de narrador, incidindo así no carácter didáctico destas representacións. Ademais, nestas representación actúan tamén 66 estudantes de entre 8 e 17 anos de idade do Conservatorio Profesional de Danza da Deputación Provincial, das escolas municipais de danza de Oleiros e Ponteceso e das escolas Danzade e Druída da Coruña.

Coa súa adaptación da célebre obra de Tchaikovski e Petipa, que foi estreada o pasado mes de decembro en Vilagarcía e visitou xa outros outras catro localidades galegas, a compañía pública culmina un longo proceso aberto e participativo que deu comezo hai un ano coas audicións aos alumnos e alumnas da vintena de conservatorios e escolas de danza que colaboran no proxecto. Xunto co equipo artístico e técnico do CCG, máis de 500 persoas están implicadas nesta produción, para a que se realizaron diferentes grupos e quendas cara á intervención dos estudantes elixidos nas funcións que se celebran nas localidades máis próximas ás súas de orixe.

Neste equipo destacan tamén as achegas profesionais de nomes como María Villas, responsable dos deseños de escenografía e vestiario; Martín Camiña, autor dos efectos de maxia; e Roberto Collantes e Isi Seoane na construción dos bonecos, entre outros.

Para o Centro Coreográfico Galego, este Quebranoces supón, pois, un reto que vai máis alá da exhibición pública dos seus espectáculos. O obxectivo é impulsar unha liña de colaboración directa coas escolas de danza co obxectivo de captar novos espectadores, así como de incentivar a motivación dos estudantes desta disciplina artística mediante a súa implicación directa no desenvolvemento dunha produción coreográfica a nivel profesional.

120º aniversario
Coincidindo coa celebración do 120º aniversario da estrea en San Petersburgo deste ballet, no que Tchaikovski puxo música á adaptación asinada por Alexandre Dumas a partir do conto O Quebranoces e o rei dos ratos de Hoffmann, o CCG ofrece unha versión que respecta rigorosamente os canons interpretativos da composición e coreografía orixinais.

Porén, nesta posta en escena o espectador recoñecerá símbolos e trazos do imaxinario popular galego. Así, entre outros elementos, destaca unha escenografía que recrea as galerías brancas da Mariña coruñesa, o vestiario inspirado nas míticas figuras de Sargadelos e a indumentaria do exército de soldados que recorda algúns dos máis famosos personaxes do Entroido ourensán.

Entradas
A venda anticipada de entradas para a función familiar do sábado está xa dispoñible a través da billeteira da web de Novagalicia Banco (http://entradas.novagaliciabanco.es), baixo o epígrafe da programación "Concertos en familia" do Pazo da Ópera. O prezo da entrada xeral é de 3 euros e de 2 euros para menores de 14 anos.

Trala súa estadía na Coruña, o Centro Coreográfico Galego continuará a xira desta produción -aberta a novas datas e incorporacións artísticas- cunha actuación no Auditorio Municipal de Cangas prevista para o día 16.

Documentación
Ligazóns