[07/02/2013] A compañía Talía Teatro mantén por segunda semana consecutiva a súa estadía no Salón Teatro da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en Santiago de Compostela, onde desta volta está a poñer en escena o seu espectáculo Pelos na lingua, co que chegará ao centenar de funcións realizadas desde a súa estrea hai preto de dous anos.
Ademais dos pases matinais para centros escolares que vén desenvolvendo desde o pasado luns, a compañía de Cee ofrecerá tres representacións para público xeral mañá venres 8 e o sábado 9, ás 20.30 horas, e o domingo 10, ás 18.00 horas. Esta última será precisamente a función número cen desta comedia na que, a través da ironía e o sarcasmo, se convida o espectador a reflexionar sobre a situación do idioma galego na sociedade actual.
Pelos na lingua podería considerarse a segunda parte de Bicos con lingua, a anterior propostas de Talía sobre o mesmo tema e coa que acadou as 300 representacións, aínda que non se trata dunha continuación da liña argumental porque parte dun enfoque distinto. Avelino González foi o encargado da dirección escénica, mentres que as interpretacións corren a cargo de Toño Casais, Artur Trillo e María Ordóñez.
Galardóns ao texto
Estes dous últimos nomes, xunto co propio Avelino González e Séchi Sende, figuran tamén como autores dos textos que conforman esta peza, pola que foron galardoados en 2012 co Premio María Casares ao mellor texto orixinal e co Premio Max á mellor autoría teatral en galego. A montaxe encadea unha serie de gags que, como explica a compañía, teñen como fío condutor os "usos e abusos que sofre a lingua galega".
A venda anticipada de entradas para as funcións de tarde de Pelos na lingua está dispoñible a través da billeteira electrónica da web de Novagalicia Banco (