[05/02/2013] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza, a través do Centro Dramático Galego (CDG), o ciclo Vidal Bolaño recuperado: citas audiovisuais, que dá comezo esta semana no Salón Teatro de Santiago coa análise de dous espectáculos dirixidos polo autor compostelán para a compañía pública: Agasallo de sombras, na sesión de mañá mércores 6, e Rosalía, o xoves 7.
Estas dúas primeiras citas do programa, co que o CDG inicia así mesmo a programación especial que dedica ao autor homenaxeado co Día das Letras Galegas, contarán respectivamente coas achegas dos profesores Xosé Manuel Fernández Castro e Inma López Silva que, como especialistas na obra de Vidal Bolaño, comentarán estas montaxes a partir das gravacións realizadas no seu día pola unidade de produción teatral da Xunta de Galicia.
Fernández Castro, autor do estudo A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño, será mañá o encargado de analizar a posta en escena de Agasallo de sombras, texto escrito e dirixido polo gran dramaturgo compostelán para a compañía institucional no ano da súa creación. Estreado en Vigo en outubro de 1984, o espectáculo foi interpretado por un amplo elenco, entre o que se atopaban nomes ben coñecidos da escena galega actual, como Elina Luaces, Dorotea Bárcena, Mabel Rivera, Ernesto Chao ou Quico Cadaval, entre outros.
Dirección e adaptación
Na sesión do xoves, a escritora, crítica teatral e profesora da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia afondará nas principais características da montaxe do espectáculo Rosalía, que Vidal Bolaño dirixiu para a compañía pública en 2001 a partir da súa propia adaptación do texto homónimo de Ramón Otero Pedrayo no que se ofrecía unha recreación lírica e moi persoal da biografía da autora de Follas novas.
Neste caso, foron un total de dezaoito actores os que deron vida ao centenar de personaxes que aparecen ao longo de 21 escenas. O elenco, encabezado por María Barcala no papel de Rosalía de Castro, contaba tamén con Susana Dans, Xúlio Lago, Alfredo Rodríguez, Mónica Camaño, César Cambeiro, Mercedes Castro, Xan Cejudo, Xaquín García Marcos, Miguel López Varela, César Goldi, Pancho Martínez, Xoán Carlos Mejuto, Yolanda Muíños, Laura Ponte, Gloria Rico, Rubén Ruibal e Xosé Vilarelle.
Entrada libre
Vidal Bolaño recuperado: citas audiovisuais desenvolverase en dúas quendas, a primeira delas en febreiro e a segunda en novembro, para ofrecer un total de 12 sesións arredor doutras tantas pezas teatrais escritas e/ou dirixidas polo autor compostelán. En todos os casos, a entrada é libre ata completar a capacidade do Salón Teatro.
A través dos fragmentos de vídeo comentados polos especialistas e a posterior participación do público, o CDG ofrece unha nova plataforma para afondar na divulgación da dramaturxia e o oficio escénico da que é unha das figuras claves na historia do teatro profesional galego.