Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O PRIMEIRO DELES PODERÁ VERSE DESDE MAÑÁ E ATA O DOMINGO, MENTRES QUE O SEGUNDO EXHIBIRASE A VINDEIRA SEMANA

A compañía Talía inicia dúas semanas de representacións no Salón Teatro cos seus espectáculos "O método Grönholm" e "Pelos na lingua"

[30/01/2013] O Salón Teatro da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria recibe mañá a compañía Talía Teatro, que durante dúas semanas se instalará no espazo compostelán para ofrecer un total de 18 funcións dos seus espectáculos O método Grönholm, desde mañá xoves 31 ata o domingo 3 de febreiro, e Pelos na lingua, do luns 4 ao domingo 10 de febreiro.

O método Grönholm

No caso de O método Grönholm, Xúlio Lago encargouse de dirixir a versión da coñecida obra do autor catalán Jordi Galcerán, coa que ademais o grupo de Cee conmemora o vixésimo quinto aniversario do inicio da súa traxectoria. Esta corrosiva reflexión sobre a deshumanización do capitalismo salvaxe, que ten sido representada en máis de 50 países e foi levada ao cine polo realizador arxentino Marcelo Piñeyro, preséntase agora nunha adaptación ao galego asinada por Artur Trillo, quen tamén forma parte do elenco xunto a Toño Casais, María Ordóñez e Dani Trillo.

Manipulación emocional
Trátase dunha peza cargada de cinismo, que desenvolve unha dura crítica respecto dos excesos do neoliberalismo a través dun xogo entre verdades e mentiras, da manipulación das emocións e os sentimentos dos seus personaxes.

O método Grönholm representarase no Salón Teatro a partir de mañá, ofrecendo un total de seis funcións, catro delas para público xeral (xoves, venres e sábado ás 20.30 horas, e domingo ás 18.00 h) e dúas concertadas con centros de ensino (mañá e o venres ás 11.00 horas).

A vindeira semana será a quenda de Pelos na lingua, comedia estruturada en sketches que -tal e como explica a propia compañía- aborda os "usos e abusos que sofre a lingua galega". A sede do Centro Dramático Galego acollerá un total de 12 pases desta montaxe, dos que nove terán lugar en sesión matinal para escolares: do luns 4 ao xoves 7 de febreiro ás 11.00 e ás 12.00 horas e o venres 8 ás 12.00 h. As tres funcións para público xeral celebraranse o venres e o sábado ás 20.30 horas e o domingo ás 18.00 horas.

Pelos na lingua podería considerarse a segunda parte de Bicos con lingua, a anterior propostas de Talía sobre o mesmo tema, aínda que non se trata dunha continuación da liña argumental porque parte dun enfoque distinto. Avelino González foi o encargado da dirección escénica, mentres que as interpretacións corren a cargo de Toño Casais, Artur Trillo e María Ordóñez.

Estes dous últimos nomes, xunto co propio Avelino González e Séchi Sende, figuran tamén como autores dos textos que conforman a peza, a través da que se ofrece unha reflexión sobre diferentes aspectos relacionados coa lingua, ao tempo que se facilita unha útil ferramenta didáctica para que os profesores traballen cos alumnos contidos relacionados coa sociolingüística.

Venda de entradas
A venda anticipada de entradas para as funcións de tarde de ambos espectáculos está xa dispoñible a través da billeteira electrónica da web de Novagalicia Banco. Tamén poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro, que estará aberto ao público desde dúas horas antes do comezo de cada unha destas representacións.

O prezo das localidades é de 10 euros de xoves a sábado (cun desconto do 40% para xubilados, usuarios do carné xoven, estudantes, persoas en situación de desemprego e determinados colectivos profesionais) e de 5 euros o domingo, día do espectador.

Documentación
Ligazóns