Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O SALÓN TEATRO ACOLLERÁ ESTAS CITAS COA OBRA DO DRAMATURGO COMPOSTELÁN OS TRES PRIMEIROS MÉRCORES E XOVES DE FEBREIRO E NOVEMBRO

Cultura e Educación abre o ano Vidal Bolaño no CDG cun ciclo audiovisual arredor de 12 das súas pezas teatrais

[29/01/2013] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza no Salón Teatro de Santiago o ciclo 'Vidal Bolaño recuperado: citas audiovisuais', co que o vindeiro 6 de febreiro dará comezo a programación especial que o Centro Dramático Galego (CDG) dedica ao autor homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas.

Momento da presentación

Este programa, que ofrecerá un total de 12 sesións arredor doutras tantas pezas teatrais escritas e/ou dirixidas por Roberto Vidal Bolaño (Santiago de Compostela, 1950-2002), foi presentado hoxe polo director do CDG, Manuel Guede Oliva, e os profesores Inma López Silva e Xosé Manuel Fernández Castro, encargados de comentar e analizar os espectáculos a partir das gravacións cedidas pola familia do dramaturgo, o CDG e o Centro de Documentación Teatral do INAEM (Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música).

De entrada libre ata completar a capacidade do Salón Teatro, o ciclo desenvolverase en dúas quendas, a primeira delas en febreiro e a segunda en novembro, con sesións ás 19.00 horas nos tres primeiros mércores e xoves de cada un destes meses.

Participación do público
O director do CDG referiuse a que a iniciativa está orientada á recuperación e á promoción da obra e a figura de Roberto Vidal Bolaño con dúas series de sesións, programadas a principios e a finais de 2013, como maneira de contribuír a que a pegada do dramaturgo "se manteña visible durante todo o ano, como o enorme home de teatro que foi", dixo.

Guede Oliva explicou ademais a metodoloxía de desenvolvemento do programa, que se deseñou coa finalidade de ser "atractivo para o público e de xeito que a xente participe e interactúe". "Así -engadiu- a través dos fragmentos de vídeo comentados polos especialistas, as sesións faranse moito máis dinámicas no seu obxectivo de ir subliñando a práctica dramática que Roberto Vidal Bolaño construíu".

Plataforma de divulgación
Desde o CDG -para o que Vidal Bolaño desenvolveu traballos como dramaturgo, director, adaptador, deseñador de iluminación, escenógrafo ou actor nunha decena de espectáculos- ofrécese así unha nova plataforma para afondar na divulgación da dramaturxia e o oficio escénico da que é unha das figuras claves na historia do teatro profesional galego. Contarase para tal fin coas achegas da escritora, crítica teatral e profesora da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia Inma López Silva e do profesor Xosé Manuel Fernández Castro, autor do estudo A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño.

O ciclo iniciarase con Agasallo de sombras, espectáculo que Roberto Vidal Bolaño escribiu e dirixiu para o CDG en 1984, ano no que botaba a andar a compañía pública. No calendario de proxeccións figuran tamén outras seis producións do Centro Dramático Galego, das que catro son textos da súa autoría levados a escena por outros directores ( A burla do galo en 2000 por Xan Cejudo; Mar revolto en 2001 por José Martins; Laudamuco, señor de ningures en 2003 por Antonio Simón, e As actas escuras en 2010 por Xúlio Lago) e dúas son obras doutros escritores adaptadas e dirixidas por Vidal Bolaño (Xelmírez ou a gloria de Compostela, de Daniel Cortezón, en 1999 e Rosalía de Ramón Otero Pedrayo en 2001).

Ademais, o programa recupera a través destas proxeccións cinco das montaxes que Vidal Bolaño escribiu e dirixiu para as súas compañías Antroido (Caprice de dieux, de 1985) e Teatro do Aquí (Saxo Tenor, de 1993; Anxeliños, de 1997; Rastros, de 1998, e Animaliños, de 2002).

Ofrecerase pois un amplo percorrido pola traxectoria teatral de Roberto Vidal Bolaño nas súas facetas de autor e director, afondando ao tempo na vixencia do seu legado e incidindo na transcendencia que para as artes escénicas galegas ten o feito de que, por primeira vez na súa historia, a Real Academia Galega decidira homenaxear no Día das Letras Galegas a un autor dramático que, asemade, consagrou a súa vida profesional ao oficio teatral.

Documentación