Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O ESPECTÁCULO, PRIMEIRA NOVA PRODUCIÓN DE TEATRO GALEGO DESTE ANO, REPRESÉNTASE NO ESPAZO COMPOSTELÁN DO XOVES 10 AO DOMINGO 13 DE XANEIRO

Cultura e Educación abre a programación de 2013 no Salón Teatro coa estrea de 'Linda and Freddy, ilusionistas' de Teatro do Noroeste

[08/01/2013] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria abre esta semana a carteleira de representacións no Salón Teatro de Santiago de Compostela coa estrea do novo espectáculo de Teatro do Noroeste, Linda and Freddy, ilusionistas, que terá lugar este xoves día 10, ás 21.00 horas.

Linda and Freddy

Eduardo Alonso é o autor do texto e o director desta "comedia post-crise", que protagoniza xunto a Luma Gómez. Acompañados do director do Centro Dramático Galego (CDG) e do Salón Teatro, Manuel Guede Oliva, ambos presentaron hoxe en rolda de prensa esta primeira estrea do ano na escena galega, da que se ofrecerán outras tres funcións no espazo da Consellería de Cultura e Educación: o venres 11 e o sábado 12 ás 20.30 horas e o domingo 13 ás 18.00 horas.

O CDG apoiou a realización desta nova montaxe de Teatro do Noroeste a través da cesión da nave de servizos da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e do propio Salón Teatro para os ensaios. A compañía foi tamén adxudicataria dunha subvención da Agadic para a produción deste espectáculo dentro da súa última convocatoria de axudas á actividade escénica.

Espectáculo comprometido
A compañía compostelá define a súa nova proposta como un "espectáculo comprometido coa realidade máis actual e complexa", situando a acción despois da crise económica, nun futuro distópico no que a Europa que coñecemos deu paso a un campo de batalla onde os saqueos, as manifestacións desorganizadas, os incendios provocados e os asaltos están á orde do día.

Neste escenario desolador, Linda (Luma Gómez) e Freddy (Eduardo Alonso) rememoran os seus momentos de gloria artística ao tempo que agardan unha chamada que os saque do ostracismo e os leve de volta aos grandes escenarios do mundo, onde triunfaran hai anos cos seus números de maxia e de variedades. Desesperanzados ante esta posibilidade e mentres todo se derruba ao seu arredor, comezan a argallar o que será o seu número de escapismo máis impactante: facer desaparecer o resto do mundo.

Xunto con Eduardo Alonso e Luma Gómez, no elenco artístico de Linda and Freddy, ilusionistas figuran Lino Braxe e Alejandro Carro nas voces do Locutor e do Presidente, respectivamente. Ademais, o Equipo Taetro asina o deseño da escenografía e do vestiario, Imma António colaborou nas labores de dirección e Bernardo Martínez compuxo o tema Canción de Linda, mentres que o propio Alonso realizou o deseño de iluminación.

Longa traxectoria
Con máis de 25 anos de historia, Teatro do Noroeste é unha das compañías máis veteranas do panorama escénico profesional de Galicia. Na súa dilatada traxectoria ten producido e distribuído máis de trinta espectáculos, entre os que figuran desde adaptacións de clásicos como o Rei Lear, Macbeth, Noite de Reis ou As vodas de Fígaro, ata textos máis contemporáneos como Os xustos, de Albert Camus, ou de autoría galega como Historias peregrinas ou A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado, e Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro. Neste último caso, sobresaen así mesmo as obras asinadas por Eduardo Alonso para a súa compañía, como esta Linda and Freddy, ilusionistas ou as súas anteriores Último cowboy e Piratas, entre outras moitas.

As entradas para as catro funcións que Teatro do Noroeste ofrecerá esta semana en Santiago estarán á venda unicamente na billeteira do Salón Teatro, que abrirá ao público dúas horas antes do comezo de cada representación. O prezo é de 10 euros para as localidades do xoves, venres e sábado, cun desconto do 40% para estudantes e usuarios do carné xove, xubilados, persoas en situación de desemprego e determinados colectivos profesionais. Para o domingo, día do espectador, establécese un prezo único de 5 euros.

O teatro galego continuará a ser protagonista no resto da programación que se desenvolverá este mes na sede do CDG, que do 17 ao 20 de xaneiro acollerá a estrea do novo espectáculo de Berrobambán, O refugallo, obra pola que Paula Carballeira obtivo en 2011 o VI Premio Manuel María de literatura dramática infantil convocado pola Agadic. Esta carteleira inclúe tamén a posta en escena de Decamerón. Historias para tempos ruíns por Abrapalabra Producións do 24 ao 27 deste mes e de O método Grönholm por Talía Teatro do 31 de xaneiro ao 3 de febreiro.

Documentación
Ligazóns