Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

PARTICIPAN NO PROXECTO, IDEADO A PARTIR DO LIBRO-DISCO DE EDITORIAL GALAXIA, RECOÑECIDOS NOMES DA MÚSICA E DO TEATRO GALEGOS

Cultura e Educación continúa a programación familiar de Nadal no Salón Teatro co espectáculo musical 'María Fumaça'

[24/12/2012] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria prosegue coa programación de Nadal que o Salón Teatro de Santiago está a desenvolver estes días especialmente dirixida a público familiar, co espectáculo musical María Fumaça, que terá lugar no espazo compostelán o xoves día 27 ás 20:30 horas.

Detalle do cartaz

María Fumaça. Cantar e bailar para ser máis feliz é unha proposta escénico-musical para todos os públicos que nace do libro-disco-dvd do mesmo título editado por Galaxia. Recoñecidos nomes da música e o teatro galegos como Uxía, Magín Blanco, Sergio Tannus, Serginho Sales, Carlos Blanco, Isaac Palacín ou Tanxarina Teatro, entre outros, uníronse para interpretar os máis de vinte temas do disco. Algúns deles desenvolven, así mesmo, a versión escénica como celebración da alegría de vivir.

A música, a luz e as situacións cómicas teñen un gran protagonismo neste espectáculo, no que o público participa moi activamente cantando e bailando as sinxelas coreografías e temas de María Fumaça.

O proxecto de María Fumaça gravita arredor de Ruí, un cativo moi especial para quen os seus amigos músicos quixeron crear esta obra, chea de cancións pegadizas. No fondo, artéllase como unha defensa da vida fronte á discapacidade que, segundo din os autores, "pode estar nos corpos pero nunca nas almas que queren gozar".

Dúas funcións de Trogloditas
A programación de Nadal regresará ao Salón Teatro o domingo 30 de decembro para despedir o ano con dúas funcións (ás 12:00 e ás 18:00 horas) de Trogloditas, espectáculo ambientado na prehistoria e no que os seus tres intérpretes -Miguel Borines, Eduardo Rodríguez Cunha Tatán e Andrés Giráldez- convidan aos asistentes a coñeceren, a través do humor e dos monicreques, o xeito de vida dos homes e mulleres das cavernas.

As entradas para as funcións desta carteleira de Nadal no espazo escénico que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG) estarán só á venda no despacho de billetes do Salón Teatro, que abre todos os días de función desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. Establécese en todos os casos un prezo especial único de 5 euros por localidade.

Documentación