Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O ESPAZO ESCÉNICO DO CDG DESPIDE O ANO CUNHA DOBRE FUNCIÓN A CARGO DA COMPAÑÍA TANXARINA

O espectáculo 'Trogloditas' pecha este domingo a programación de Nadal da Consellería de Cultura e Educación no Salón Teatro

[28/12/2012] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria remata este domingo día 30 a programación especial de Nadal do Salón Teatro de Santiago con dúas funcións (ás 12.00 e ás 18.00 horas) do espectáculo Trogloditas, unha proposta de actores e títeres para todos os públicos a cargo compañía galega Tanxarina.

Momento do espectáculo

Trogloditas é un espectáculo ambientado na prehistoria e no que os seus tres intérpretes -Miguel Borines, Eduardo Rodríguez Cunha "Tatán" e Andrés Giráldez- convidan aos asistentes a coñeceren, a través do humor e dos monicreques, o xeito de vida dos homes e mulleres das cavernas.

Dous lanzadores de menhires, un levantador de pedras ou un faquir que atravesa o seu corpo cun tronco, farán a delicia do público asistente, divertindo a grandes e pequenos, O espectáculo, mesturado coa intervención actoral dos tres personaxes condutores da representación, está destinado a público familiar e, especialmente, a nenos e nenas a partir de 3 anos.

Con canas de bambú
Tanxarina é unha das formacións galegas máis recoñecidas e prestixiosas do teatro de monicreques. A relación escénica entre títeres e actores é un dos sinais de identidade da compañía, que adoita combinar nos seus espectáculos distintas técnicas de animación de bonecos co traballo actoral dos propios manipuladores. No caso de Trogloditas utilízanse títeres de varas elaboradas con canas de bambú.

As entradas para estas últimas funcións do ano no espazo escénico que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG) estarán só á venda no despacho de billetes do Salón Teatro, que abrirá dúas horas antes do comezo de cada pase. O prezo é de 5 euros por localidade.

Documentación